Festa de interese turístico

Galego
Taxonomy Imagen png: 

Feira Cabalar do San Martiño de Francos

Feira Cabalar de San Martiño de Francos, en Teo, celébrase cada 11 de novembro. A súa orixe remóntase ao ano 1557, o que dá conta da súa capacidade de supervivencia ao longo do tempo. Especializada en gando equino, hoxe en día é unha das citas principais neste sector, con compravenda de cabalos, maquinaria agrícola, artesanía, téxtiles e complementos relacionados coa práctica equina e os produtos da terra de outono. A feira desenvólvese nunha carballeira de gran riqueza, situada no Camiño Portugués.

Galego

Feira Tradicional dos Remedios

A Feira tradicional dos Remedios de Ponteareas pon en valor o mundo rural e os oficios tradicionais. Neste caso, faino a través da recreación da vida cotiá na primeira metade do século XX, axudando á promoción do produto artesán galego. Desenvólvese cada ano durante a primeira semana do mes de setembro.

Galego

As Carrozas do San Cidre

Celebrada cada mes de maio coincidindo coa honra a San Cidre, patrón do agro, esta festa naceu nos anos 70 como unha exaltación da vida labrega e das raíces rurais de Galicia. O seu elemento máis distintivo é o desfile de carrozas construídas artesanalmente pola veciñanza, representando con creatividade as antigas tarefas do campo como a vendima, as mallas, a sega ou a recollida do millo.

Galego

Semana Santa do Carballiño

A Semana Santa do Carballiño comezou a organizarse en 1893, ano en que se fundou a parroquia de San Cibrao do Carballiño. Ao longo do tempo desenvolveu características propias, como a forma de procesionar (dobre ombreiro ou falso costal) ou composicións musicais singulares. A isto súmaselle unha programación paralela, con actividades como exposicións e ciclos de conferencias, publicacións ou concertos de música sacra.

Galego

Festa da Pataca

A Festa da Pataca celébrase anualmente o terceiro domingo de setembro e as súas orixes remóntanse ao ano 1980. Nela únense patrimonio, tradición e gastronomía. Trátase dunha manifestación cultural e social de enaltecemento do produto da pataca de Coristanco, froito nesas terras da dedicación ao traballo de agricultores e produtores.

Galego

Festa da Vendima de Leiro

A Festa da Vendima xorde no ano 1963 da man do concello e celébrase a partir do ano 2000 o último domingo de agosto.
A vinculación do viño coa festa e a ledicia son tan antigas como o mesmo home e moito máis cando se trata dun bo viño de Leiro. Como dicía o bispo de Ourense en 1626: “os viños máis xenerosos son os das ribeiras do Avia, celebrados en toda a monarquía e moi solicitados en Flandres, Holanda e Inglaterra”. Por iso en Leiro, o viño se fai festa e a festa faise viño. Trátase dunha expresión da nosa cultura, a nosa arte e do noso xeito de ver e entender a vida.

Galego

Romaría do Corpiño

A Romaría do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón en Lalín, destaca, entre outros motivos, pola autenticidade da procesión en que a Virxe vai portada polos veciños mentres os devotos forman unha longa ringleira arredor do santuario para que a imaxe pase sobre as súas cabezas.

Galego

Páxinas

Subscribirse a RSS - Festa de interese turístico