Ecosistema de innovación

Observatorio de Innovación do Patrimonio

 

A innovación no ámbito do patrimonio cultural en Galicia non é un fenómeno illado nin puntual. Ao contrario: constitúe un ecosistema en expansión, alimentado pola confluencia de institucións públicas, centros de investigación, iniciativas cidadás, profesionais e empresas tecnolóxicas de diferentes ámbitos xeográficos e administrativos, que colaboran na preservación, activación e reinterpretación do noso legado cultural. Este Observatorio nace para mapear, recoñecer e fortalecer ese ecosistema.

 

O Observatorio ten como misión consolidar e dar proxección a este ecosistema. Para iso, examina os axentes implicados, as redes de cooperación que os conectan e os proxectos que mellor exemplifican a súa capacidade innovadora. Deste xeito, contribúe a detectar tendencias emerxentes e a visibilizar boas prácticas en conservación, difusión e participación cidadá no patrimonio cultural galego.

 

AXENTES CLAVE

Entre os principais axentes institucionais, destaca o papel da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que impulsa e coordina políticas de conservación e promoción do patrimonio desde unha perspectiva cada vez máis aberta á participación cidadá e á utilización de ferramentas dixitais, como o SIX e o modelado 3D, e que actúa como principal impulsora do Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural.

O Consello da Cultura Galega merece mención especial xa que, a través do Observatorio da Cultura Galega, constitúe unha unidade pioneira de análise cultural no Estado, mantendo series estatísticas, estudos específicos e plataformas interactivas en colaboración co IGE.

No eido da investigación, universidades como a USC, UVigo ou UDC desenvolven proxectos de I+D arredor da documentación, xestión e difusión do patrimonio. Moitos deles contan con financiamento autonómico, estatal e europeo e articulan equipos interdisciplinares que traballan dende a historia, a arqueoloxía, a xeografía, a educación, a arquitectura e a informática.

O sector profesional tamén forma parte activa deste ecosistema: profesionais da restauración, arqueoloxía, arquitectura, belas artes, enxeñería, deseño, mediadores culturais e artistas compoñen, entre outros, unha cadea de valor plural, que integra a innovación en procesos técnicos, metodoloxías participativas, deseño de contidos ou uso de novas linguaxes.

Cómpre salientar, ademais, o papel crecente de axentes locais e comunitarios, como asociacións veciñais, colectivos patrimoniais ou centros de ensino, que desenvolven proxectos de base territorial e social, con alto potencial transformador no patrimonio cultural de Galicia.

 

REDES DE COLABORACIÓN

Un dos trazos distintivos do ecosistema galego é a aposta por estruturas colaborativas, que van máis alá das competencias individuais de cada entidade e fomentan a cooperación horizontal en diversos ámbitos.

  • Observatorios: recollen, analizan e difunden datos sobre o estado do patrimonio e das políticas públicas (como o propio Observatorio da Cultura Galega ou o Observatorio de Museos de España).
  • Redes técnicas estatais: un exemplo é a Rede de Institutos de Patrimonio Cultural promovida polo IPCE, que favorecen a transferencia de coñecemento e boas prácticas entre territorios. Neste marco naceu o proxecto COREMANS, unha iniciativa de formación técnica especializada que permite compartir criterios e metodoloxías de intervención en conservación-restauración a nivel estatal. No caso galego, entidades como o Museo do Castro de Viladonga ou o Museo das Peregrinacións teñen participado en sesións específicas.
  • Programas educativos interterritoriais: centros escolares desenvolven proxectos de innovación didáctica arredor do patrimonio da súa contorna mediante iniciativas como “Vivir e sentir o patrimonio”. Galicia vén participando activamente neste programa, recoñecendo o seu potencial como ferramenta de educación cívica e activación territorial.
  • Plataformas abertas de datos: exemplo do Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia (2009), unha iniciativa pioneira que permite consultar e descargar información xeorreferenciada sobre arquivos, museos, bibliotecas e centros culturais do país. Desenvolvida con apoio do IGE e do Consello da Cultura Galega, esta ferramenta inspírase noutras experiencias europeas de open data cultural e senta as bases para unha planificación máis eficiente da política cultural.
  • Encontros e foros interrexionais: destacan ciclos como “Patrimonio de Proximidade – Reactívate” impulsado polo Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico (IAPH), que convida a compartir experiencias de axentes locais en espazos comúns de aprendizaxe e visibilización.

Estas redes son, a miúdo, híbridas e dinámicas, combinando modalidades flexibles e creativas que integran Administracións, universidades e sociedade civil, e xeran linguaxes e modelos de xestión innovadores que contribúen á transformación e modernización do ecosistema patrimonial galego