Saúdo do conselleiro

  • Román Rodríguez, conselleiro de conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Román Rodríguez González

Como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades quero darlles a benvida a este espazo web do portal de Cultura da Consellería.

Todos sabemos que, nos tempos actuais, calquera responsabilidade de goberno se traduce nun reto importante. Na área da cultura esa aposta ten un carácter especial, xa que estamos a falar dun dos elementos esenciais sobre o que se configuran a actividade e a expresión do conxunto da cidadanía.

Vivimos nunha Galicia aberta, plural, inclusiva e diversa. Unha Galicia na que a nosa cultura é un dos piares que nos sitúan no mundo de maneira inconfundible.

Para min, responsabilizarme desta área representa unha honra e un privilexio na consciencia do excepcional soporte co que contamos: unha comunidade, que se nutre desde hai milenios das correntes europeas da creatividade artística e da espiritualidade, a través do Camiño de Santiago, e mais un pobo, cunha lingua e cunha cultura propias, tan aberto a expresar o seu potencial como a se integrar nas dinámicas imparables do mundo actual.

Sei que a inmensa maioría das persoas que habitamos e compartimos esta terra queremos acadar obxectivos comúns e que as xeracións máis novas gocen duns alicerces ben estruturados para viviren en plenitude co que lles podemos fornecer para descubriren a vida en por si.

Coa seguridade e coa confianza de que estamos nun gran proxecto colectivo, envíolles o meu saúdo máis cordial.

 

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades