Actividades na Illa de San Simón

Con barqueira e remador. Obradoiro internacional de tradución poética

Cada ano celébrase en San Simón este encontro internacional, no que seis poetas/tradutores intercambian durante unha semana as súas experiencias no ámbito literario e traducen para o seu idioma a obra poética dos seus cinco compañeiros e compañeiras. Unha iniciativa que permite espallar, ao regreso aos países de orixe, os versos dos poetas participantes en cada edición polo mundo enteiro. A Illa de San simón retoma o seu simbolismo para a lírica galega e enriquécese co traballo e coa cultura das procedencias máis diversas. Dirixido por Yolanda Castaño, co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura.

 

 

 

 

 

San Simón Fiddle

Cartel Fiddle CampA Asociación Cultural Galicia Fiddle desenvolve na illa o San Simón Fiddle  (SSFC), un curso de música especialmente destinado a nenos e nenas, onde se combinan actividades musicais con outras de diversión e tempo libre.
O curso diríxese a aqueles alumnos que teñan como mínimo un ano de coñecemento de instrumento. Non obstante, coa intención de ofrecer a posibilidade de ter unha primeira aproximación ao violín tradicional, o SSFC abre un grupo destinado a principiantes no que non será imprescindible ter coñecemento algún do instrumento.
 

 

 

 

 

Festival Sinsal

Cartel Sinsal 2014

A extensión do Festival Sinsal na illa de San Simón acolle un dos acontecementos máis fermosos e especiais de cantos eventos musicais hai durante o ano. En horario diurno, por toda a illa, desde o mediodía ata o solpor, artistas de todo o mundo xúntanse para lles presentar a súa música a nenos, adolescentes, adultos e maiores nunha experiencia única e sen precedentes en España.

 

 

 

 

 

Visitas culturais guiadas

Illa de San SimónAs illas de San Simón e Santo Antonio acollen visitas culturais para coñecer estes espazos declarados Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1999, e que tamén forman parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. Cunha forte carga simbólica colectiva vinculada cos seus diversos papeis ao longo da historia, San Simón foi testemuña de traxedias e avatares marítimos, idílica referencia literaria da poesía medieval, refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos e cárcere do réxime ditatorial franquista para illamento político. Hoxe é un espazo público para o desenvolvemento cultural de Galicia, aberto ás visitas organizadas daqueles que desexen achegarse.

 

 

 

 

Campamentos de verán do Concello de Redondela

As instalacións da illa de San Simón cédenselle cada ano ao Concello de Redondela co fin de desenvolver os campamentos municipais. En quendas dunha semana, os campamentos destínanse a rapaces e rapazas de Redondela de entre 10 e 16 anos. Entre outras actividades destacan os obradoiros de coiro, abalorios, reciclaxe, desafíos en grupo, xincanas etc.

 

Batalla de Rande a nado

A illa de San Simón acolle as actividades da asociación deportiva Islas Cíes-San Simón como meta da Batalla de Rande a nado. Unha travesía a nado duns 27 km de lonxitude que, partindo das Illas Cíes, entrada natural da ría de Vigo, percorrerá os concellos de Aldán, Cangas, Moaña, Domaio, pasa por debaixo da ponte de Rande para entrar na enseada de San Simón e finaliza na illa.