Os bens catalogados polo seu notable valor cultural inclúense no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. A xestión deste catálogo correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O procedemento de inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia incóase de oficio, por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por propia iniciativa ou por petición de calquera persoa física ou xurídica.
Procedemento de solicitude de inclusión dun ben ni Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia
O procedemento para esta solicitude está recollido na Sede Electrónica da Xunta de Galicia CT135B.
A solicitude de iniciación por parte dunha persoa, física ou xurídica, pública ou privada, deberá estar razoada e documentada. Correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da dirección xeral do Patrimonio Cultural, acordar a inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
A resolución pola que se acorde a inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia recollerá, polo menos:
- A descrición do ben que facilite a súa correcta identificación e, de ser o caso, a das súas partes integrantes. No caso de bens inmobles, tamén a súa localización. Identificaranse aqueles elementos e aspectos propios do ben que caracterizan o seu notable valor cultural.
- O nivel de protección do ben.
No caso de que os usos dun ben poidan resultar incompatibles ou prexudiciais para a súa protección, a resolución de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia establecerá a súa eliminación ou as condicións para o seu mantemento.
No caso de bens inmobles para os que resulte ou se considere necesario, incluirase a delimitación do seu contorno de protección e da súa zona de amortecemento e os condicionantes necesarios para a súa salvagarda.