Conservación e posta en valor do conxunto monumental de Santa María de Sobrado dos Monxes

Custo total da operación: 1.053.785,72 €
Axuda FEDER: 822.052,58 €
Obxectivo: Aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural
Situación: Sobrado dos Monxes (A Coruña)
Temporización: Primeiro semestre 2016 - primeiro semestre 2018

 

Actuación:

O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un elemento significativo do patrimonio cultural galego e español, situado nunha zona rural do interior que forma parte do Camiño de Santiago do Norte, recentemente recoñecido como Ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Este mosteiro está declarado Ben de Interese Cultural.

Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico. O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade. 

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a redacción do proxecto, dirección das obras e as obras de conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (igrexa e espazos de uso público). O proxecto define o estado actual de conservación do edificio, analiza de forma pormenorizada a súa patoloxía e determina os traballos de restauración que é preciso executar para poder conservar o conxunto monumental en axeitadas condicións de uso, en particular a igrexa e os espazos de uso e visita pública.

A proposta de intervención consiste, de xeito resumido, na eliminación das humidades que están danando o ben (provocadas por filtracións a través da cuberta, dos muros ou por capilaridade a través dos pavimentos), a limpeza e a restauración dos paramentos e solados de mampostería e cantaría, reparación de drenaxes, reparación de cubertas e reposición da instalación de iluminación. Cómpre destacar a execución dun forxado sanitario na igrexa e a reposición completa da estrutura de madeira e os elementos de cubrición de parte da cuberta entre o claustro de Medallóns e a igrexa.

Na intervención inclúense todos os traballos previos precisos, como son escavacións arqueolóxicas (segundo o proxecto específico), protección de zonas especiais, desmontaxes e demolicións de elementos en estado ruinoso, apeos etc. Tamén está incluída a restauración de elementos ornamentais pétreos exteriores e interiores (molduras, frisos, medallóns…) con danos de orixe biolóxica, que será executada por persoal restaurador especialista.

Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben, e para a súa promoción cultural.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa