Conservación e restauración na muralla romana de Lugo

Custo total da operación: 1.000.000,00 €
Axuda FEDER: 780.024,16 €
Obxectivo: Aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural
Situación: Lugo
Temporización: Primeiro semestre 2016 – decembro 2020

 

Actuación:

A muralla de Lugo é un monumento propiedade da Xunta de Galicia que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), segundo o que establece a Real Orde do 16.04.1921 (GAC do 23.04.1921). As súas características fan dela un monumento senlleiro e único integrante do patrimonio cultural de Galicia e incorporado pola UNESCO ao listado do patrimonio mundial. Tamén é un ben público incorporado ao ambiente e espazo urbano da cidade de Lugo non só polo seu valor cultural, senón como espazo significativo da cidade e de uso cotián dos seus habitantes.

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. 

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a restauración integral dos cubos LXX e LXXI, a restauración dos cubos XIX e LXXX así como doutros danados: os cubos LXX e LXXI presentan unha serie de danos na fábrica (como fendas) relacionados co colapso da estrutura de placas de formigón armado fronte ao peso do recheo colocado, que supoñen filtracións de auga na base dos cubos e no asento dese recheo. A proposta de intervención consiste no baleirado dos cubos, demolición das lousas de formigón, execución dun novo sistema estrutural a base de muros e contrafortes de lousa e novo pavimento de acabado. Inclúese tamén a escavación arqueolóxica axeitada. 

Os cubos XIX e LXXX tamén teñen fisuras que favorecen as filtracións de auga que afectan á súa estabilidade. Neste caso, no cubo XIX prevese a reconstrución do muro de cachotería de lousa a unha e dúas caras (mutilado noutra época) e a impermeabilización do cubo. No cubo LXXX proponse unha actuación moi similar á dos LXX e LXXI. Neste proxecto inclúense tamén as tarefas de conservación preventiva necesarias na muralla no período de duración das obras e os tratamentos fitosanitarios que correspondan. Recóllense todos os traballos precisos, como son as escavacións arqueolóxicas (segundo o proxecto específico) e, en concreto, as tarefas relacionadas coa protección das especies protexidas que habitan na muralla (cirrios, morcegos etc.).

Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e para a súa promoción cultural.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa