Obras de conservación no Mosteiro de San Martiño de Xuvia

Custo total da operación: 147.920,47 €
Axuda FEDER:  115.268,90 €
Obxectivo: Aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural
Situación: O Couto, Xuvia, Narón, A Coruña
Temporización: Primeiro semestre 2017 – primeiro semestre 2018

 

Actuación:

A igrexa e a casa reitoral de san Martiño de Xuvia teñen a consideración de Ben de Interese Cultural con categoría de monumento polo Decreto 2644/1972 (BOE do 02.10.1972). O conxunto arquitectónico actual está composto pola igrexa románica e as antigas dependencias monásticas anexas ao sur desta. O templo é o único resto do mosteiro medieval; das primitivas dependencias non quedan máis que algúns restos illados. 

A igrexa, de estilo románico, foi edificada en 1137 por orde do conde de Traba. Ten planta basilical e tres naves, e foi erguida, como en Caaveiro, sobre un alto baseamento por esixencia da pendente do terreo. A portada románica é moi sinxela pero ten unha complexa molduración. Exteriormente presenta unha fachada reconstruída e unha torre austera do século XVIII. Conserva un anaco do claustro do mosteiro, do que unha das súas ás está embebida nun muro construído na restauración do século XVIII. Fundouse como mosteiro beneditino entre o 842 e o 850. Aquí atópase o sepulcro gótico do cabaleiro Rodrigo Esquío do século XV.

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural promove esta intervención prioritaria para garantir a conservación do conxunto en condicións de uso e seguridade. Está centrada na cuberta da igrexa, as fachadas, o campanario da torre e o templete de acceso a este. Preténdese acabar coas filtracións e entradas de auga debidas á deterioración dos elementos da cuberta, a falta de solape nos encontros e a falta de estanquidade nas limas, cumio etc.

Con ese fin, a intervención consiste na completa substitución da cubrición da igrexa repoñendo os elementos existentes e colocando novas pranchas de fibrocemento e tella curva. Tamén se substituirán elementos estruturais e táboas e listóns do falso teito que estean danados ou inservibles. Aprovéitase para enlazar planimétricamente a pendente do faldón sur. Os canlóns do faldón sur da igrexa e do faldón este da sancristía poñeranse de zinc, material co que tamén se resolven os encontros, limas e puntos singulares. Na fachada norte e leste da sancristía substituiranse os revocos, aplicando uns de morteiro de cal graxo. Puntualmente tamén se repararán os do interior cun tendido de morteiro de mesmo tipo. Na saída das escaleira da torre do campanario executarase un novo templete superior resolto con pontóns e entaboado de madeira de castiñeiro recuberto ao exterior con chapa de zinc, substituíndo o existente.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa