Conservación e restauración da catedral de San Martiño de Ourense

Custo total da operación: 1.118.962,00 € 
Axuda FEDER:  879.294,65 €
Obxectivo: Aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural
Situación: Ourense
Temporización: Primeiro semestre 2016 - decembro 2020

 

Actuación:

A catedral de San Martiño é un elemento significativo do noso patrimonio cultural galego e español, situada no centro da cidade de Ourense, en plena zona vella. Foi declarada Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento polo Decreto de 03.06.1931 (GAC 04.06.1931).

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable deste ben (cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico) e preservalo para toda a humanidade.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a restauración da portada norte, a reforma xeral do sistema eléctrico, a restauración do enreixado da capela maior, a restauración da torre de San Martiño e a restauración das fachadas sur e occidental.

A proposta de intervención consiste en acometer as obras que permitan atallar os problemas máis graves que ten a día de hoxe o edificio. A primeira actuación de urxencia consiste en restaurar a portada norte, xa que os elementos escultóricos de pedra da portada románica presentan un elevado grao de deterioración, en parte agravado polos usos do entorno urbano inmediato, que é preciso frear para garantir a súa conservación.

Por outra banda, cómpre renovar e dotar de seguridade a obsoleta instalación eléctrica. Tamén se revisarán os equipos de iluminación da capela maior para conseguir un consumo enerxético eficiente, ao tempo que se define unha iluminación acorde ao culto e aos usos culturais que se prevén no templo, xa que se incorporaron á visita os novos espazos restaurados nestes últimos anos como son a capela de San Xoán ou o pórtico do Paraíso no nártex.

O estado de conservación do enreixado da capela maior é moi deficiente debido sobre todo a intervencións anteriores e a factores medioambientais. Presenta sucidade xeralizada, oxidación, corrosión e deformación dos metais, desprendemento e perda de policromía, repintes e perdas de volume. A restauración proposta consiste na limpeza e aplicación de tratamentos específicos que lle devolvan o seu esplendor.

Prevese nesta operación continuar tamén coa restauración das fachadas para rematar a actuación na envolvente do edificio. Tendo en conta que a orientación e patoloxía que presentan é específica para cada unha delas, está previsto acometer os traballos por fases, que se corresponden coa torre de San Martiño, a portada sur e a fachada occidental.

Prevese, por último, a dotación de recursos de apoio á visita e exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e ampliar a súa promoción cultural.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa