Día da Ilustración 2023

Día da Ilustración 2023

A Xunta de Galicia conmemora o Día da Ilustración 2023 cun amplo de abano de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica sobre o legado de María Antonia Dans, artista á que se homenaxea este ano. Trátase dunha programación cuxa peza central é a mostra bibliográfica "María Antonia Dans, a maxia da cor", da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, e na que un ano máis colaboramos coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Así, os seus debuxos naturalistas e coloristas que quedaron impresos en diversos libros e xornais mostraranse, entre outros documentos, nesta exposición que se poderá ver ata o 12 de maio no Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia. Ademais, o sábado 4 de febreiro este espazo acollerá o obradoiro "Ilustremos en galego", dirixido a rapaces e rapazas de máis de 14 anos.

 

PROGRAMACIÓN

Actividades para a rapazada

Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a programación inclúe unha sesión de contacontos o sábado 28, a partir das 12.00 horas, para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Ademais, acolle ata o 28 de febreiro a mostra bibliográfica "María Antonia Dans: Si no fuera mujer, mis cuadros se pagarían el doble" e a exposición infantil "Ilustradoras galegas".

Por outro lado, a rapazada de 6 a 12 anos poderá asistir o sábado 28 de xaneiro, ás 19.00 horas na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, ao obradoiro "Laboratorio Zoo-Ilóxico" baseado no libro O meu pesadelo favorito, escrito por María Solar e ilustrado por María Lires.

Xa na provincia de Lugo, a biblioteca xestionada pola Xunta ofrece o sábado 27 o obradoiro "Historias sen palabras" a cargo de Noemí López. Nesta actividade para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos daranse as pautas para coñecer o traballo da narración ilustrada de ficción e dos/as profesionais da ilustración para crear personaxes e secuencias dunha historia en imaxes.

 

Selección de cubertas ilustradas

A Biblioteca Pública Nós de Ourense, pola súa banda, celebra esta efeméride coa mostra "Pintando a vida", composta por libros ilustrados, álbums e debuxos que se poden ver na Sala Infantil ata o 5 de febreiro. A programación complétase coa exposición "Portadas ilustradas e algo máis", na que se inclúe unha selección de novelas con cubertas debuxadas, ilustracións e outros libros divulgativos nos que esta técnica é especialmente importante. Pode visitarse no Espazo Xove do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro.

Así mesmo, a biblioteca da cidade das Burgas tamén acolle o obradoiro "Liñas que emocionan" a cargo de Sabela Gago e Alba Fernández, no que os/as participantes de 6 a 11 anos poderán elaborar unha ilustración que exprese as súas emocións. Será o sábado 28 ás 12.00 horas e ese mesmo día, ás 11.30 horas, Yago García Rodríguez impartirá a actividade "Desenvolvemento da creatividade a través do debuxo" para rapaces e rapazas maiores de 12 anos e adultos/as.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola ten previsto unha programación para todos os públicos na que se inclúen obradoiros, sesións de contacontos, seleccións de libros e a exposición "María Antonia Dans e o neoexpresionismo", que se poderá ver ata o 10 de febreiro.

Talleres de debuxo

O venres 27 de xaneiro, ás 18.00 horas, o público familiar poderá asistir ao contacacontos e obradoiro de debuxo "De cando María Antonia Dans decidiu ser pintora". Ademais, o centro tamén ofrece ata o 12 de febreiro a selección de libros "As imaxes contan" con publicacións ilustradas dirixidas ao público infantil.

A Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo celebra esta data co obradoiro "Luces e sombras" que imparte Carmen Pintos ás 18.30 horas o día 30. Ademais, o sábado 28 de xaneiro María Vilar ofrecerá un taller sobre banda deseñada para nenos e nenas de 6 anos ás 12.30 horas. A programación complétase coas exposicións bibliográficas "María Antonia Dans: retratar a humildade do cotiá", que se poderá ver ata o 17 de febreiro, e "María Antonia Dans: debúxame un conto", composta por reproducións de ilustracións da pintora e dispoñible ata o mesmo día.

 

MARÍA ANTONIA DANS

 

Novas relacionadas

18/01/2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a programación xunto coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

10/07/2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reúnese coa presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, para planificar a efeméride

30/01/2023

A exposición María Antonia Dans, a maxia da cor é a proposta central do Goberno galego para conmemorar a efeméride que se celebra hoxe

 

25/01/2023

Os actos deste ano renden homenaxe á pintora galega, un dos nomes máis destacados da ilustración na nosa Comunidade

09/11/2022

A decisión consensuouse nun encontro mantido entre o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte e Superior de Deseño

18/08/2022

A actuación levarase a cabo ao abeiro dun convenio asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o alcalde de Curtis