Zona de amortecemento

Ao redor dos bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados (e dos seus contornos protexidos) pode delimitarse unha área denominada zona de amortecemento.

O obxectivo desta área é reforzar a protección do ben e as súas condicións de implantación no territorio, cun réxime de limitacións e de concreción de actividades, dotacións, instalacións ou infraestruturas que, pola súa potencial afección aos seus valores culturais, requiran a autorización previa para a súa execución da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

 

Delimitación da zona de amortecemento

Para delimitar a zona de amortecemento téñense en conta as condicións de visibilidade e perspectiva do ben, así como outros aspectos ou atributos que sexan funcionalmente significativos para a protección dos valores culturais dos bens en relación co territorio.

Na zona de amortecemento, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos seus valores culturais derivados da súa implantación territorial, requirirase a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural nas seguintes intervencións:

  • Grandes explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura que deban ser sometidas a trámite ambiental.
  • Explotacións extractivas que supoñan unha actividade a ceo aberto do material, as súas instalacións ou entullos.
  • Instalacións da industria enerxética como refinarías, centrais térmicas, de combustibles fósiles, hidráulicas, eólicas, solares, nucleares ou de calquera outro tipo de produción, transporte ou depósito.
  • Instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil ou papeleira.
  • Infraestruturas de transporte e comunicación como estradas, ferrocarril, portos, aeroportos, canles, centros loxísticos ou similares.
  • Grandes infraestruturas hidráulicas e de aproveitamento da auga.
  • Instalacións de xestión e tratamento de residuos.
  • Grandes transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos.
  • Explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellería competente en materia de patrimonio cultural.