Custo total da operación: 222.815,07 €
Axuda FEDER: 174.745,36 €
Obxectivo: aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio culturals
Situación: Cercio, Lalín (Pontevedra)
Temporización: primeiro semestre 2016 - decembro 2019
Actuación:
A Igrexa de Santa Baia de Palio está incluída no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lalín, xa que logo é un ben catalogado ao abeiro no disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92 do 16.05.2016).
As orixes da Igrexa de Santa Baia de Palio remóntanse a época prerrománica cun primeiro templo que foi destruído por unhas fortes tormentas segundo a tradición oral. Cos restos recuperados daquel derribo construiríase outro edificio que aparece nomeado en documentos do século XIII. Este novo templo tiña unha nave e unha ábsida, sendo a súa configuración similar á actual coa excepción da sancristía e a espadana. Estas construíronse na época moderna transformando a configuración orixinal do conxunto.
Trátase dun exemplo de arquitectura único na comarca debido a súa datación temperá, s. XI. No entanto, o arco triunfal, os sillares que o rodean e o resto é posiblemente posterior ao ano 1200. Estes primeiros elementos de Santa Baia son os que a encadran na arte prerrománica.
Esta igrexa de Palio representa un bo exemplo de arquitectura rural, de adaptación de elementos foráneos nunha linguaxe adaptada ás posibilidades locais, de dimensións modestas cunha linguaxe limitada -no arco triunfal por exemplo- pero moi expresiva. A fase de construción posterior da edificación correspóndese co período plenamente románico, que en Galicia identifícase coas infraestruturas e construcións erixidas durante os primeiros séculos da Baixa Idade Media.
No caso de Palio obsérvase unha característica propia e común do prerrománico e románico pleno, que é a integración de elementos escultóricos como unha parte consubstancial dos elementos arquitectónicos. É dicir, a escultura maniféstase nos elementos de soporte dos edificios (capiteis, fustes e bases das columnas, muros, etc), ventás e portas das igrexas.
Na actualidade o edificio está nunha situación de conservación moi precaria e deficiente, estando en risco os elementos singulares: retablos, pinturas e elementos escultóricos así como o propio edificio polo que non é posible o seu uso.
A proposta de intervención consiste, de xeito resumido, na execución dunha nova cuberta na nave e a recuperación da cuberta orixinal da sancristía, liberando o volume inicial en canto a nave e ábsida, a execución de novas carpinterías de portas e fiestras, a consolidación estrutural e a drenaxe perimetral.
Trátase dunha actuación que permitirá conservar a igrexa e dotala dunhas condicións de uso axeitadas ao edificio románico que se conserva sen apenas actuacións durante o século XX. Xa que logo, permitirá incrementar o interese por este ben pertencente ao patrimonio cultural de Galicia.
Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa