Posta en valor da ponte vella de Ourense

Custo total da operación: 226.892,35 €

Axuda FEDER: 176.639,02 €

Obxectivo: Aumentar a superficie de edificios ou lugares pertencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados

Situación: Ourense

Temporización: Decembro 2015 – decembro 2016

 

Actuación:

A ponte vella de Ourense, xunto coa capela de Nosa Señora dos Remedios, ten a consideración de Ben de Interese Cultural, con categoría de Monumento, polo Decreto 647/1961 (BOE 18.04.1961). Está recollida no catálogo do patrimonio arqueolóxico da normativa urbanística do Concello de Ourense. Tamén se coñece co nome de ponte romana ou ponte maior.

É unha das máis significativas obras de España do seu tipo, non só polas súas orixes romanas, senón pola súa monumentalidade, pola súa intensa historia e polas súas dimensións. Ten unha lonxitude entre estribos de 199 m (306 m cos accesos). Componse de sete arcos e seis piares, e o seu aspecto actual é derivado das obras realizadas ao longo do século XIX.

O máis destacado de acordo coa bibliografía conservada é a envergadura do seu arco central e a súas vicisitudes históricas restauradoras concluídas no século XVII. Aínda que a súa orixe sexa romana, os restos existentes que o confirmen son escasos, feito que se tivo en conta ao incluír unha sondaxe arqueolóxica baixo o arco 1 na súa marxe esquerda para detectar se os paramentos son orixinais.

Coa planificación destas actuacións, perséguese aumentar o atractivo deste ben cultural pertencente ao patrimonio mundial, potenciar o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico.



A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta intervención que inclúe os traballos de conservación da primeira fase de posta en valor da ponte vella de Ourense, mediante actuacións puntuais de restauración na fábrica e na calzada para recuperar o seu valor estético. Para isto, elimináronse os graffiti, retiráronse as arquetas de ladrillo e formigón, mobiliario urbano así como a vella tubaxe de abastecemento de auga que estaba aloxada nun caixón forrado de pedra. Tamén se rexuntaron con morteiro de cal os ocos existentes na fábrica, á vez que se reparou e restaurou a fábrica do tallamar 4 e o arranque dun antigo arco baixo o actual tallamar 5. Aproveitouse para desmontar o valado do recinto canino e liberar o paramento da ponte para mellorar a senda peonil baixo o arco 2.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa