Actuacións urxentes no santuario de Nosa Señora das Ermidas, no Bolo

Custo total da operación: 216.084,87 € 

Axuda FEDER: 168.305,31 €

Obxectivo:  Aumentar a superficie de edificios ou lugares pertencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados​

Situación: As Ermidas, O Bolo, Ourense

Temporización: Primeiro semestre 2016 - decembro 2017

 

Actuación:

O santuario de Nosa Señora das Ermidas ten a consideración de Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento polo Decreto 75/2006 (DOG 08.05.2006). Atópase situado entre os macizos das serras de Queixa, do Eixo e de San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei e próximo a unha das antigas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruzamento coa Vía de Braga a Astorga. Goza dunha situación privilexiada, localizada nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca, xa que os edificios que compoñen o santuario aséntanse nun bordo abrupto da empinada montaña, sobre unha plataforma artificial escavada na rocha viva desde a que se domina a ribeira encaixada pola que discorre o Bibei.

As Ermidas, célebre pola súa milagreira imaxe, converteuse desde antigo nun importante lugar de peregrinación, sobre o que se erixiu a primeira igrexa, unha sinxela ermida, a finais da Idade Media. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural promoveu nos anos 2013-1014 o plan director do santuario, que describe as características do monumento e as súas patoloxías construtivas e funcionais. Define, tamén, as condicións para o seu mantemento e as súas necesidades de conservación e restauración, analiza a potencialidade do monumento para o desenvolvemento dunha proposta de usos compatibles cos seus valores culturais, que permita un desenvolvemento sostible que colabore á súa axeitada posta en valor, ao tempo que o convertan nun referente social e económico da comarca. Neste documento, recóllese no nivel 0 de actuacións urxentes a reconstrución do muro derrubado do oliveiral (MC2) e o seu contorno inmediato. No monumento ten especial importancia o estudo e conservación dos sistemas de contención de terras, cimentación e evacuación de augas. O plan director incide especialmente nestes aspectos clave, dada a situación do conxunto sobre unha ladeira rochosa, o que condiciona enormemente a súa configuración e está intimamente ligada á súa conservación.

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade. Perséguese aumentar o atractivo deste ben cultural pertencente ao patrimonio mundial, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación prioritaria para garantir a conservación do santuario en condicións de seguridade, centrada no muro derrubado do oliveiral e o seu contorno inmediato. A intervención inclúe a limpeza e preparación das terrazas anexas ao muro MC2, a reconstrución e a drenaxe do tramo de muro derrubado, a desmontaxe do transformador existente, a preparación da zona verde con céspede e a colocación dunha varanda de remate.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa