Restauración das pinturas murais da igrexa do mosteiro de San Xiao de Moraime

Custo total da operación: 50.003,25 €
Axuda FEDER: 40.002,60 €
Obxectivo: Aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural
Situación: Moraime, Muxía (A Coruña)
Temporización: Primeiro semestre 2017 – primeiro semestre 2018

 

Actuación:

A igrexa do mosteiro de San Xiao de Moraime, en Muxía (A Coruña), está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de Ben de Interese Cultural segundo o Decreto 2641 do 18.08.1972 (BOE do 02.10.1972), e pertence ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia segundo o que determina a disposición adicional segunda da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92 do 16.05.2016).

Construíuse no século XII coas doazóns de Afonso VII. Ten nave de planta basilical e cuberta a dúas augas. A fachada ten unha portada protexida por un pórtico con tres arquivoltas semicirculares dispostas radialmente, apoiadas sobre tres pares de columnas acobadadas nas xambas. Hai varias estatuas columna. O tímpano acolle diversas figuras que representan personaxes bíblicos e na clave aparece o Salvador. Flanqueando este conxunto están dous rosetóns e dous ventanais. Na portada meridional aparece representada a Última Cea no tímpano. Ten dúas torres desiguais, a de maior altura está coroada por unha lanterna hexagonal. Foi un antigo mosteiro beneditino.

Este ben de interese cultural atópase no Camiño a Fisterra-Muxía. As pinturas medievais que contén, situadas na parede norte e na sur, son únicas. Recentemente, realiáronse actuacións para estabilizar as súas condicións de humidade e poder así afrontar a restauración da pintura mural que está en grave risco. As imaxes representan os sete pecados capitais, con tres ou catro figuras: a personificación do pecado, os seres demoníacos que instigan os vicios e as virtudes que animan a practicar a penitencia e a oración. Desde o final da nave lateral norte cara a ábsida aparecen, nesta orde, a soberbia, a avaricia, a ira, a luxuria, a gula, a envexa e a preguiza.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación prioritaria para garantir a conservación do conxunto de pinturas murais. Con estas actuacións perséguese a conservación do ben e aumentar o seu atractivo e o seu interese público e significación cultural. Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico.

O estado de conservación das pinturas é moi precario, xa que sufriron un importante proceso de degradación debido á afección de humidades e á situación construtiva do muro que as contén, baixo a rasante do cemiterio lindeiro. Así, obsérvanse disgregacións de morteiros, cal na superficie, presenza de sales, colonizacións biolóxicas e incluso a acción antrópica, con intervencións non documentadas que ocasionaron danos no conxunto mural.

A proposta de intervención consiste en elaborar mapas do estado de conservación, controis temporais de temperatura e humidade, tratamentos previos de urxencia, limpeza e tratamento de sales e contra a biodeterioración, consolidación do soporte e dos estratos de policromía, eliminación de morteiros de restauración anteriores e reposición doutros, reintegración da policromía e aplicación de biocida. A reintegración cromática e de morteiros terá como obxectivo devolver a pintura mural a súa correcta lectura iconográfica que se presume do século XVI.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa