Percorrer o tempo: Bandia Ribeira

Unha forza do pasado

Vídeo HD. 5 min.

Partindo dos mitos relixiosos que inspiran o Camiño de Santiago e o seu simbólico final no Pórtico da Gloria, establecín un percorrido fotografando nos dous extremos da ruta xacobea mozárabe: Almería e Galicia. Un principio e un final, alfa e omega, dous opostos nos que a través de encontros casuais e programados se enfrontan as miñas fantasías coa realidade.

A través dunha serie de recreacións en torno ás nocións bíblicas do paraíso, o limbo, o purgatorio ou a prometida gloria que sucede á morte, fun na busca dunha vertente espiritual representada historicamente como un conto, unha advertencia para o sometemento ao poder e a expansión relixiosa.

Bandia Ribeira (As Pontes de García Rodríguez, 1980)

Bandia Ribeira Cendán é unha fotógrafa documental e profesora das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), con base en Almería. Licenciada en Ciencias Políticas e graduada en Fotografía Documental na Universidade de Sur de Gales, Newport.  Participou en diversas exposicións e festivais de fotografía, como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou a Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra). 

O seu traballo recibiu recoñecementos como o XII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado (2015), Reginald Salisbury Travel Award, ou un dos premios Ciutat de Barcelona (2012), entre outros. O seu libro autoeditado sobre a cidade de Newport, “Life is great, without it you'd be dead” (2014) foi finalista do Bar Tur Photo Book Award en 2015.