Xunta de Galicia conmemorará o día da Ilustración 2025 cun amplo abano de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica sobre o legado de Xosé Vizoso, artista homenaxeado este ano. A programación está composta por unha exposición, un vídeo, obradoiros, sesións de narración oral ou mostras bibliográficas sobre a traxectoria deste artista natural de Mondoñedo.
A peza central deste programa é a mostra Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura coincidindo con esta efeméride, que se celebra o 30 de xaneiro.
Xosé Vizoso naceu en Mondoñedo en 1950 e foi gañador do Premio Nacional de Escultura en 1968. Na súa traxectoria destacan as súas catro décadas coo deseñador, xunto con Xosé Díaz, da cerámica de Sargadelos, ou, máis recentemente, a realización do cartel do Centenario do Celta de Vigo.
Amplo recoñecemento ao longo dos anos
O Día da Ilustración forma parte do Calendario do libro e da lectura desde o ano 2014 e toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
Esta conmemoración pretende lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na cultura galega, homenaxeando un autor que teña contribuído a consolidar e a tecer a historia neste eido en Galicia. O nome de Xosé Vizoso súmase así aos de Chichi Campos, María Antonia Dans, Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, que recibiron o recoñecemento nos anos anteriores.
