OTERO PEDRAYO

A Xunta de Galicia consensúa coas principais institucións culturais galegas o deseño conxunto dunha programación excelsa do Ano Oteriano, á altura da relevancia da figura homenaxeada. O Ano Oteriano é un dos fitos deste 2026 como lembranza á figura e ao legado do que é considerado como Patriarca das Letras Galegas.

Desde o primeiro momento en que o Parlamento de Galicia declarou 2026 como Ano Oteriano por cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento do intelectual e o centenario da publicación de Guía de Galicia, a Xunta sumouse a esta celebración para artellar unha programación o máis completa e transversal posible.

Otero Pedrayo é un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia e representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra. Trátase dun dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista.