Réxime de protección

Coa finalidade de garantir a conservación dos valores culturais dos bens e as manifestacións do patrimonio cultural, as intervencións en bens protexidos polo seu valor cultural, así como as intervencións no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, son sometidas, en xeral, á súa autorización previa pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Ese requirimento é independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á execución das intervencións.

Así mesmo, todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural ou as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural pola súa incidencia sobre o territorio, son sometidos ao informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que establece as medidas protectoras, correctoras e compensatorias necesarias para a súa salvagarda. Os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico tamén son sometidos ao informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Estes documentos deben recoller as medidas necesarias para a salvagarda dos bens culturais e a incorporación integrada ás súas previsións.

En materia de protección, outra das tarefas principais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o recoñecemento, a identificación, o estudo, a sistematización e a difusión dos bens do patrimonio cultural, en especial a través do seu rexistro e descrición. Nestas tarefas inclúese o coñecemento das transaccións realizadas polas persoas ou entidades dedica­das ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural e do cumprimento dos requisi­tos para o exercicio desta actividade, ou a posibilidade de exercer os dereitos de tenteo e retracto na compra venda de inmobles co obxecto de incorporalos, de estimarse necesario, ao patrimonio público da Xunta de Galicia ou doutras administracións.

A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados debe garantir que non se poñan en perigo os seus valores.