Nova: A Xunta celebra o Día da ilustración coa apertura dunha mostra sobre Siro López, autor homenaxeado este ano
30/01/2026
A Xunta celebra o Día da ilustración coa apertura dunha mostra sobre Siro López, autor homenaxeado este ano
‘Siro. A vida nun lápis’ acolle máis de 50 obras que reflicten a diversidade artística deste autor aínda en activo, que cultivou desde a caricatura política ata o teatro, pasando polo xornalismo e a ilustración
López Campos fai fincapé “no gran labor de Siro para pór en valor o humor e fortalecer o tecido de artistas gráficos en Galicia ao longo dos anos”
A exposición, que conta coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o mes de maio
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición Siro. A vida nun lápis coa que a Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, celebra o Día da ilustración, unha efeméride que se celebra na data de nacemento de Castelao e que este ano está dedicada a Siro López (Ferrol, 1943), un dos grandes debuxantes da Comunidade, aínda en activo.
Na súa intervención, o responsable autonómico de Cultura fixo fincapé “no gran labor deste autor que traballou arreo para pór en valor a arte en chave humorística e fortalecer o tecido de debuxantes en Galicia ao longo dos anos”. Así mesmo, López Campos salientou todos os campos artísticos que cultivou Siro, que van desde a caricatura política ata o teatro ou o xornalismo, pasando pola pintura e o humor gráfico.
Tal e como explicou o conselleiro, a mostra, comisariada pola técnica da Biblioteca de Galicia Charo Crespo e coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, está composta por máis de 50 pezas pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia e por material de debuxo cedido polo homenaxeado que reflicten a diversidade artística deste artista ao longo de toda a súa traxectoria.
Un dos ilustradores máis coñecidos en Galicia
Siro López comezou a traballar como delineante na empresa metalúrxica Bazán, máis axiña foi quen de arriscarse para dedicarse de cheo ao mundo da ilustración. A partir de aí, encheu páxinas de diversas publicacións de debuxos, artigos de arte, cultura e humor, salientando o gran traballo que desenvolveu entre 1985 e 2006 en La Voz de Galicia como caricaturista político.
Ademais, xunto con outros debuxantes da Comunidade, como Xaquín Marín, participou nunha serie de iniciativas que abriron novas posibilidades profesionais aos humoristas gráficos galegos, como o manifesto En defensa do humor, a publicación da revista Can sen dono, o Museo do Humor de Fene, ou a Praza do Humor da Coruña.
Malia que é fundamentalmente recoñecido como caricaturista político e humorista gráfico, Siro é tamén un destacado retratista, debuxante e pintor. De feito, a súa creatividade non queda só restrinxida ao ámbito das belas artes, xa que ao longo da súa traxectoria profesional tamén se revelou como un artista da palabra. O xornalismo, o ensaio ou incluso o teatro son eidos nos que o humor de Siro deixou a súa pegada.
Todas estas facetas do autor están reflectidas na exposición da Biblioteca de Galicia, que pode visitarse de balde ata o vindeiro mes de maio, e que tamén acolle os traballos de Agustina Shuan, Santy Gutiérrez e Tamara Baz, artistas que foron seleccionados pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración para reinterpretar a obra de Siro.
Un día para lembrar aos grandes do debuxo
O Día da Ilustración naceu co obxectivo de poñer en valor e reivindicar o papel dos profesionais gráficos na cultura galega a través da homenaxe anual a un ilustrador ou ilustradora da Comunidade. Creado en 2014, este día toma como referencia o nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao e forma parte do Calendario do Libro e da Lectura, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde entón, figuras como Lolita Díaz Baliño, Federico Ribas, Chichi Campos, Reimundo Patiño ou Xosé Vizoso, primeiro autor en vida ao que se lle dedicou este día, foron recoñecidos pola súa traxectoria e contribución ao mundo das artes gráficas.
