Cultura no Camiño

A sexta edición de Cultura no Camiño desenvolverase do 16 de abril ao 30 de setembro nun total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.

O programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela desprega unha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas. Artículase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.

Imaxe: 
Galego
Mostrar en barra lateral: 
SI mostrar en barra lateral

Historias para escagarriñarse

Tres cíngaros percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes. Coincidindo co seu 20 aniversario, Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa. Co seu característico humor repasarán historias como as de A Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña... A participación do público será imprescindible para poder representar estas historias para escagarriñarse. Un espectáculo cómico de rúa para todos os públicos.

Galego

Trasno

Pablo Trasno é un dos maiores referentes do Novo Circo Galego e un dos seus artistas máis completos e aclamados. Con máis de mil funcións nas súas costas e experiencias en escenarios de España, Portugal, Reino Unido, India, Rusia, Cuba, Arxentina, Francia, Bélxica e Brasil. Show de rúa.

Galego

Sofá

SOFÁ é unha sitcom de danza con teatro, circo e música en directo que fala dunha parella.

Marta e Pablo coñecéronse bailando e xa non teñen tempo para facelo porque traballan moito. Son incapaces de parar. Cren que van solucionar os seus problemas de desconexión facendo un espectáculo de danza cun sofá. Porque o sofá é o lugar onde se atopan as parellas ao final do día para estar xuntas e descansar. Pero… sempre hai un pero. Toda interrupción é un bo motivo para continuar a súa fuxida cara a adiante. Porque parar supón enfrontarse a si mesmas e abrazar a incerteza, o baleiro.

Galego

Carmela: Vinde Todas

Carmela é un proxecto musical que basea o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e a percusión de man como elementos definitorios. Iniciando o traballo dende informantes e arquivos musicais, o obxectivo do proxecto é trasladar aos palcos a esencia destas melodías acompañadas dunha visión propia e actual. Carmela utiliza a tradición como un ente flexible e moldeable que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que viaxan dende as percusións ata referencias electrónicas.

Galego

Maxia no rural

Maxia no rural é un espectáculo de maxia de 60 minutos pensado para todos os públicos, especialmente creado para levar ilusión, humor e sorpresa ás aldeas e vilas do rural galego. A través dunha proposta dinámica, participativa e chea de momentos sorprendentes, o espectáculo busca achegar a arte da maxia a espazos onde a cultura cobra un valor especial como punto de encontro da comunidade.

Galego

Ser diferente mola

Quen dixo que ser diferente é algo malo?
En Ser Diferente Mola, a maxia convértese nunha experiencia emocionante, divertida e chea de sorpresas que demostran que o que nos fai únicos… é precisamente o que nos fai especiais.

Este espectáculo combina maxia impactante, humor e participación do público para crear un show dinámico onde todo pode pasar. Cartas que aparecen onde menos o esperas, obxectos que desafían a lóxica e momentos imposibles que farán que nenos e adultos se pregunten: “Como fixo iso?”

Galego

Pan con chocolate

Pan con chocolate,
e fáisenos a boca auga.

Pan con chocolate é moito máis ca unha presa de contos.
Retornamos ao sabor da merenda de sempre para acompañala de contos de onte, de hoxe e de mañá. En salgado e doce, traemos dúas historias para seguir, para contar xuntas e para levar na memoria polo mundo que habitemos na nosa saqueta dos contos particular.

Galego

Enredada

Leti da Taberna trae o seu primeiro monólogo no que explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.
Ver este espectáculo vai ser o teu mellor post da semana.
 

Galego

Tal vez

TAL VEZ sexa un espectáculo que che leve a compartir un bo intre cunha muller segura da súa indecisión.
Ao mellor só se trata dun show cheo de acrobacias, equilibrios e malabares, aínda que poida conter trazas de humor serio e estupidez coherente.

Quizais atopemos unha contorsionista retorcidamente divertida. Pode ser que estea soa e pode ser que ás veces acompañada… Por ti?

Sen dúbida, un espectáculo sofisticado, intelixente e innovador, ou non! Só TAL VEZ.

Galego

Soltar

A búsqueda dun espazo onde sentirse a gusto, un lugar onde atoparse. Un camiño onde desprenderse do pasado, onde as falsas necesidades se acumulan coa dificultade de poñerlles nome, sen posibilidade de revisión.

Este pallaso, torpe e caótico presenta a través da danza, a manipulación de obxectos e a acrobacia aérea a posibilidade de transformar ese lastre e usalo para medrar.

Navegará xunto ás espectadoras e os músicos por un mar de emocións, soltando amarras onde as debilidades se tornan fortalezas.

Galego

Páxinas

Subscribirse a RSS - Cultura no Camiño