Xornada inaugural a carón das Illas Atlánticas
A xornada inclúe unha visita en barco e andainas pola illa de Sálvora, unha das menos coñecidas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Actualmente despoboada, nela consérvanse restos do antigo poboado e distintas edificacións. Á volta, haberá un xantar conxunto e visita ao Quinteiro de Temperán, unha antiga casa labrega do século XVIII restaurada aos usos do século XIX, que funciona como centro de interpretación da vida rural daquel tempo.