Evento: Entre o pensamento e a arte
Entre o pensamento e a arte
Nesta primeira sesión do ciclo Entre... e a arte, Entre o pensamento e a arte, reúnense tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais que tratan sobre a arte, pero que non son exclusivamente estéticos senón máis globais. Formulámoslles como punto de partida a idea de tradución: dunha lingua a outra, dunha imaxe visual a un relato, dunha proposta literaria a unha obra visual, ou a análise do propio sentido da tradución.
Un tradutor que sabe e controla a súa propia tradución, a súa profesión; un creador literario con demostradas capacidades reflexivas e expositivas ou un teórico especializado na para-tradución deben expoñer enfoques complementarios e suscitar debates. Ao fin e ao cabo, podemos pensar o artista como un suxeito tradutor, doador de sentido, que como executante da tradución nunca é inocente, porque a tradución nunca o é. Ou a lectura como unha nova escrita e unha nova interpretación… O relato está sempre aberto.
Este ciclo analiza a relación da arte con outros campos de coñecemento, pero non ao estilo tradicional, tendo como emisor a arte, senón á inversa: interésanos saber como se achegan e ven a arte e a creación desde pensamentos máis ou menos estruturados. Destacados especialistas contarán o seu modo de achegarse á arte, colaborando con artistas ou realizando propostas de claro compoñente creativo. A dirección dos relatos non é desde, senón cara á arte, de xeito que é posible percibir distintas metodoloxías de achegamento e, posiblemente, análises e xuízos ben distintos. Non se trata dun intercambio de posición entre artistas e axentes implicados na arte, senón dunha recepción desde a arte dos criterios e maneiras de enfocar que teñen pensamentos alleos á xeración de obra artística.
Participarán José Yuste, investigador principal do grupo de investigación Traducción & Paratraducción da Universidade de Vigo; Tom Skipp, videoartista e traductor, director de estrellasonora.com e José Jiménez, catedrático de Estética e Teoría das Artes na Universidad Autónoma de Madrid. Filósofo, escritor, crítico e comisario de exposicións de arte.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso