Evento: Peza do mes: Romaría de San Vitoiro

  • Portada da publicación da Peza do Mes de abril do Museo Arqueolóxico de Ourense
Peza do mes: Romaría de San Vitoiro
mércores, 1 abril, 2026 a xoves, 30 abril, 2026
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense,
Ourense

Peza do mes: Romaría de San Vitoiro

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo

A presentación pública terá lugar o 8 de abril, mércores ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, do fondo documental, coa fotografía etnográfica) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

En outubro de 1971 José Suárez Fernández (1902-1974), a quen se dedica o Día das Artes Galegas deste ano 2026, fai a súa derradeira exposición no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Despois de ter exposto por todo o mundo era paradoxalmente a primeira vez que o facía en Ourense. Presentou unha mostra das súas coleccións fotográficas realizadas ao longo da súa traxectoria dende os anos 30, obra cun carácter moi singular dentro da fotografía histórica galega. A fotografía escollida para a peza do mes da colección do museo pertence á serie etnográfica sobre a romaría de San Vitoiro (Allariz) ca. 1932. Son series feitas cunha realización fotográfica moi coidada nas que vemos a utilización de recursos estéticos que o aproximarán ás vangardas fotográficas europeas. Esta fotografía permite pór de manifesto, entre outras cousas, un dos recursos que vai adoptar José Suárez ao longo de toda a súa carreira fotográfica: a preparación da toma como se se tratase dunha escena de cine, arte á que dedicou parte da súa vida.

A publicación virtual sobre esta obra está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto destas fotografías ou as características de autor de José Suárez, nun estudio a cargo, neste caso, de Xosé Luis Suárez Canal.

 

.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Curso de primavera no Museo de Belas Artes da Coruña
Os temas da arte: Heroes e heroínas da mitoloxía clásica
7 de abril a 26 de maio
Museo de Belas Artes
Presentación do libro "1140"
23 de abril
Biblioteca Pública de Lugo
Presentación do libro: Ni paraíso ni mierdas
24 de abril
Biblioteca Pública de Ourense