Evento: Memoria e Arquivo
Memoria e Arquivo
Coincidindo coa exposición Arissa. A sombra e o fotógrafo. 1922-1936, o CGAC presenta un ciclo de intervencións e comunicacións que abordarán como a investigación e valorización de distintos arquivos fotográficos históricos permitiu establecer unha nova lectura e interpretación de diversos autores.
Arissa é un claro exemplo de como a investigación e conservación dos seus arquivos permitiu reconsiderar a súa figura máis aló da etiqueta tradicional de fotógrafo pictorialista para podermos falar dunha etapa vangardista e ligada ás correntes internacionais dos anos trinta. A guerra civil liquidou a posibilidade de continuidade das ditas prácticas vangardistas; recuperar hoxe aquelas iniciativas é tratar de corrixir o silenciamento dunha historia incompleta e restituír o rigor que debe manter a memoria.
Iniciaron o ciclo, Rafael Levenfeld e Valentín Vallhonrat, comisarios de Arissa, que abordaron outros traballos de investigación en arquivos fotográficos emprendidos por eles: Marín, Brangulí e Ortiz-Echagüe.
Este martes día 3 tócalle a quenda a Javier Ortiz-Echagüe nunha charla titulada Val del Omar, historia dunha revisión.
PROGRAMA
18 de setembro: Rafael Levenfeld e Valentín Vallhonrat
30 de setembro: Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón
22 de outubro: Juan Manuel Castro Prieto
30 de outubro: Javier Vallhonrat e Santiago Olmo
3 de novembro: Javier Ortiz-Echagüe
Todas as conferencias terán lugar ás 18:30 horas na Sala de Padroado do CGAC. Entrada libre.



