Nadal en Rede

Imaxe: 
Galego
Mostrar en barra lateral: 
NO mostrar en barra lateral

Cantares de Reis

Os Bolechas chegan puntuais á súa cita do Nadal coa Rede de Dinamización Lingüística e visitarán oito concellos cun espectáculo no que aprenderemos cancións para continuar cantando e animando estas festas na casa e na rúa.

Os Bolechas atopan un trobador que anda un chisco apesarado porque perdeu o seu libro de cantigas. Pero a maxia do Nadal fai que todo cambie. O encontro coa familia Bolechas permítelle descubrir novos Cantares de Reis cos que renovar o seu repertorio e triunfar nestas datas tan especiais.

Galego

A árbore dos desexos

Ramón Feáns, Inés Salvado, Iria Iglesias, Daniel Díaz Fentanes e Jaime Manuel López subirán ao escenario para achegarlles a nenos e adultos este relato musicado que foi Premio Martín Códax da Música e que fala de descubrimento persoal, de amizade, de perseveranza, da inclusión e da aceptación dun mesmo ao ritmo de jazz, soul, rocksteady ou mesmo a clásica balada de reminiscencias Disney.

Galego

A lingua somos todos

Música, relato e poesía fúndense nesta proposta para todos os públicos que desenvolven Emilio Rúa e X.C. Caneiro co obxectivo de poñer en valor a potencialidade do galego como elemento de identificación e de unión de toda a cidadanía.

Galego

Ves como sabes?

Espectáculo divertido e participativo para todos os públicos en que Francisco Castro, Verónica Santalices, Federico Welicki e Paulo Silva empregarán a música para transmitir ideas positivas acerca da nosa lingua e cultura e para mostrarlle ao público que sabe moito máis galego do que coida.

Galego

Mil maxias máis

O Mago Antón presenta unha chea de xogos orixinais creados coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia da palabra en galego. Cada sesión desenvolverase a bordo do Magomóbil, un vehículo deseñado expresamente para esta exhibición de ilusionismo e lingua.

En cada localización haberá varias funcións: 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h, 19:00 h, 20:00 h

Galego

Meco e Sono

Quen dixo que os bebés non podían participar da festa? Xarope Tulú ofrece unha peza teatral dirixida á primeira infancia (nenos e nenas de 0 a 3 anos), onde se combinan o conto e a creación sonora en directo. O obxectivo desta proposta é acompañar as familias na crianza agarimosa en galego.

Galego

Desconcerto de Nadal

Unha actividade dirixida a público familiar: un (des)concerto de Aninovo bastante accidentado. Culturactiva Producións presenta a Fran Rei e Félix Rodríguez baixo a dirección de Marcos Orsi nun espectáculo cheo de música, teatro, humor e moito, moito ritmo.

Galego

A pita xefa

Títeres Alakrán chega por primeira vez á Rede de Dinamización Lingüística cunha adaptación para teatro de monicreques da peza homónima de María Lado publicada por Baía Edicións e gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Toda a familia poderá ver como unha pequena pita cun soño pode facer o que queira: saltar lonxitude, bailar claqué… e o máis importante, mudar as normas do galiñeiro.

Galego

Contos e cantos de Nadal

O trío formado por Uxía (voz e percusión), Sèrgio Tanus (guitarra, viola caipira, cavaquiño e percusión de man) e Santiago Cribeiro (acordeón) celebrará 8 concertos para público familiar con repertorio propio do Nadal. Con eles darán a coñecer panxoliñas tradicionais e outras de nova creación que os participantes poderán recordar e aprender para cantar despois na casa.

Galego

Páxinas

Subscribirse a RSS - Nadal en Rede