Evento: Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario- Marisa Vidal Collazo

Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario- Marisa Vidal Collazo
sábado, 6 marzo, 2021 - 13:00
Evento online,
Santiago de Compostela

Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario- Marisa Vidal Collazo

Actividade polo Día da Muller 2021.

Marisa Vidal Collazo é profesora de secundaria de Física e Química que ademais conta cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo, que artella desde a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria –á que pertence desde hai máis de 20 anos– e outros espazos como a Rede Miriam, ou a Asociación de Teólogas Españolas. É ademais secretaria de redacción da revista Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián –onde ten escrito diversos artigos sobre muller e Igrexa– e colaboradora habitual da revista Irimia.

Tres diálogos en liña –retransmitidos a través da nosa canle de Youtube– é a proposta á que vos convidamos o sábado 6 de marzo para analizar a participación da muller na adopción de decisións e en roles de liderado en distintos ámbitos, poñendo o acento en tres sectores profesionais onde tradicionalmente a presenza masculina ten sido maioritaria, como poden ser o da tecnoloxía, o comisariado de exposicións e a dirección de galerías de arte, ou a Igrexa. Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario é unha actividade enmarcada nos actos do 8M, Día Internacional da Muller, e non en van, o seu lema entronca co escollido por ONU Mulleres para a conmemoración desta data en 2021: Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19.

Estes encontros dixitais constan de tres conversas de 15 minutos –conducidas pola antropóloga especialista en estudos feministas Guadalupe Jiménez-Esquinas– con tres mulleres de dilatada experiencia profesional. Así, contarase coa participación da doutora enxeñeira en Telecomunicación Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeira muller á fronte dunha Escola de Enxeñaría de Galicia, concretamente da de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que dirixiu entre 2009 e 2017 e onde é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.

Desde o ámbito da cultura compartirá a súa experiencia Asunta Rodríguez, propietaria da galería compostelá Trinta, que dirixe desde hai 30 anos e coa que conta cunha extensa traxectoria en Arco, onde recibiu en 1995 o premio á mellor galería española. Por último, o encontro analizará tamén o papel da muller no ámbito da Igrexa a través da visión de Marisa Vidal Collazo, integrante desde hai máis de 20 anos da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo.

Todas elas partirán da súa experiencia vital para reflexionar sobre a situación pasada, presente e futura das mulleres na toma de decisións e a súa presenza en sectores e papeis cun liderado habitualmente masculino. 

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Curso de primavera no Museo de Belas Artes da Coruña
Os temas da arte: Heroes e heroínas da mitoloxía clásica
7 de abril a 26 de maio
Museo de Belas Artes
Toponimízate 2026
9 de maio
Escola do Campo de Combarro
Toponimízate 2026
15 de maio
Escolas Vellas
Toponimízate 2026
29 de maio
Casa da Cultura