Evento: Poetas di(n)versos: Claudio Pato e Rafael Courtoisie

Poetas di(n)versos: Claudio Pato e Rafael Courtoisie
luns, 16 marzo, 2020 - 20:30
Centro Ágora,
A Coruña

Poetas di(n)versos: Claudio Pato e Rafael Courtoisie

Regresa o ciclo Poetas di(n)versos, as citas mensuais co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo conducidas pola escritora e xestora cultural Yolanda Castaño.

O poeta ourensán Claudio Pato (1962) é licenciado en Filosofía. Entre 2008 e 2012 foi Director da Galería Sargadelos da Coruña, deseñando e levando adiante a programación cultural deste espazo da cidade na que reside. Como tal, comisariou os ciclos sobre pensamento e arte Afóra(s) e Escrita(s). Posteriormente, entre 2013 e 2016 e a carón de Edita Rodríguez Oca, coordinou o espazo de creación cultural Almáci(gas) en Compostela.

Na actualidade colabora en diferentes proxectos: co grupo de free jazz e action painting Desterritorializadxs, co músico Mark Wiersma (Ventrílocuo), co colectivo de acción artística Open The D*or e co artista plástico Allez Alles nunha iniciativa de arte postal.

No eido da produción cinematográfica, xunto a Virxinia Polke é autor dos traballos fílmicos Parque Europa (2010), Antenas (2011), Repite ata que desapareza (2011), Dioses (2016), Ceo (2019), Esmorgan (2019) e Pío (2019) e, en colaboración con David Castro, de Postas (2017), Assisi (2018) e Syntagma (20182020). No 2018, Pato participou na primeira edición de Intersección Contemporary Audiovisual Art Festival.

Como poeta ten publicados os libros O almorzo do pintor de iconos Andrei Rublev (1997), Unha vida de traballo nos bosques do cánabo (2002), Como estás? (2011) e Draga/Se o bruído e a rotación do amonal na casa das abellas (2018), ademais de colaborar en revistas e obras colectivas como Dorna, Bitácora Escarlata, Proxecto Derriba, Cine Clube Compostela ou Novas da Galiza.

Nado en Montevideo, Rafael Courtoisie é poeta, narrador e ensaísta, ademais de membro de número da Academia Nacional de Letras de Uruguai e correspondente da Real Academia Española.

Pola súa prolífica obra obtivo prestixiosos galardóns internacionais: en Cuba o Lezama Lima, en México o Plural e o Jaime Sabines, en España o Casa de América, o Loewe, o Gil de Biedma e o Blas de Otero. Iso ademais dos acadados no seu país: o Nacional de Poesía, o de Narrativa e mais o da Crítica -en ambos xéneros- en varias ocasións. Ademais de Parranda (2014), os seus poemarios máis recentes son as antoloxías Tiranos temblad (2013), Antología invisible (2018) e Los puntos sobre las íes (2019): tres de catro títulos publicados en España, igual que a súa última novela, El libro de la desobediencia (2019). Traducido a unha chea de idiomas, el mesmo trasladou ao español autores como Shakespeare, Emily Dickinson, Sylvia Plath ou Raymond Carver.

Autor de numerosos traballos de crítica e investigación así coma antoloxías das letras uruguaias, foi formador de docentes en centros superiores e universitarios do Uruguai, e profesor visitante en universidades de Estados Unidos, Inglaterra e Colombia. Fixo parte do afamado Programa Internacional de Escrita da Universidade de Iowa, e ten amosado a súa obra por universidades e institucións de toda Europa e América. Ademais, a súa obra foi estudada en varias teses universitarias dos dous continentes.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia