Evento: Made in China
Made in China
Made in China é unha exposición que pretende poñer en valor as contribucións que a cultura chinesa fixo a Galicia, descubrindo unha relación máis estreita e produtiva do que podería parecer.
Esta relación evolucionou en paralelo ao desenvolvemento das interaccións entre Europa e Oriente ao longo da historia. Inicialmente, esta conexión baseouse no intercambio indirecto de produtos a través das rutas comerciais globais, como a ruta da seda ou das especias. Produtos como a porcelana chegarían a Galicia mediante intermediarios e eran valorados pola súa rareza e o seu carácter exótico, especialmente entre as clases altas.
Co avance das rutas marítimas, as conexións entre Europa e Asia intensificáronse, permitindo un fluxo máis regular de mercadorías. Os produtos chineses recibíanse a través dos portos, especialmente o de Sevilla, mediante o galeón de Manila. Estes obxectos, aprezados polo seu luxo, comezaron a ser adaptados aos gustos europeos, marcando o inicio dunha reinterpretación cultural dos bens orientais. Así sucedeu, por exemplo, cos panos e mantos tradicionais galegos.
Durante o século XVIII, co auxe da Ilustración, Oriente pasou a ser obxecto dun interese máis científico e cultural. En Galicia, como noutras rexións de Europa, a burguesía emerxente adoptou elementos decorativos inspirados na estética oriental, como abanos ou porcelanas, que se converteron en símbolos de distinción e refinamento.
Entrado o século XX, o orientalismo toma corpo entre os movementos intelectuais galegos a xeito de renovado interese por todo o oriental. Resalta nesta tendencia a figura de Vicente Risco, do que Otero escribiría: ‘Oriente é para el o marco onde aprender e avanzar.’
A imaxe positiva do exotismo chinés converteuno nun importante reclamo comercial. O emprendedor Ferro Rodeiro logrou un gran éxito co flan chino Mandarín, unha sobremesa rendible e sinxela de preparar nunha época marcada polas cartillas de racionamento, na que os ovos e o azucre eran produtos escasos.
Na segunda metade do século XX, a crise producida polo Gran Salto Adiante produce como resultado unha resignificación da imaxe de todo o chinés, reinterpretándoo como un pobo empobrecido. Así o representan as pezas relacionadas co Domund e a caridade.
Xa avanzado o século XX, China convértese nunha peza fundamental para o despunte do téxtil galego. Diversas marcas externalizan parte da súa produción a Asia para reducir custos e aumentar a competitividade, beneficiándose da ampla infraestrutura téxtil chinesa.
O século XXI está sendo a centuria do xigante asiático, que compatibiliza unha importancia crecente no panorama internacional coa presenza de comunidades chinesas cunha grande actividade económica en todos os países do norte global.