Evento: A volta ao mundo da corveta A Ferrolana
A volta ao mundo da corveta A Ferrolana
"A volta ao mundo da corveta S.M.C. Ferrolana no diario de Ramón L.Barreiro" é un proxecto expositivo que se centra na viaxe ao redor do mundo desta corveta de guerra, para acadar diversos obxectivos: militares -coa formación de novos garda mariñas-, diplomáticos e económicos -para manter as relacións comerciais coas terras que se estaban a independizar en América e para manter a presencia en Filipinas- así como transportar a Australia o primeiro grupo de relixiosos encabezados por F. José María Benito Serra con 6 sacerdotes, 6 relixiosas e 18 misioneiros artesáns que van construír a primeira igrexa católica da que logo será bispo Frei Rosendo Salvado.
Para a tripulación supuxo unha experiencia única na que non so fixeron fronte a unha longa viaxe e os problemas de navegación xurdidos en cada mar, senón tamén pola oportunidade de coñecer outras terras e outras culturas. O rico vocabulario de navegación e as técnicas, a xeografía e nomes de países que xa mudaron, outros tipos de barcos...
A narración directa desta navegación, recollida no diario persoal de Ramón L. Barreiro, piloto naval de Foz (Lugo) é un documento inédito e único que nos leva nesa viaxe de mediados do século XIX, ofrecendo moitos datos técnicos pero tamén as pegadas de súa experiencia persoal.
Mesmo tivo a destreza de debuxar no diario outros barcos cos que se cruzaron ou que lle eran descoñecidos, como os da China, India, Filipinas, etc...ou o temporal da travesía polo Cabo de Fornos.
A exposición sitúase na planta baixa da Casa da Navegación, espazo accesible a todos os públicos e ofreceranse visitas comentadas para grupos e escolares.
Neste proxecto colaboran outras entidades como arquivos, bibliotecas e museos, dando apoio documental ou cedendo algunha peza. A financiación é mixta entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o Concello de Baiona a través da Concellería de Cultura.