Evento: Mostra: `Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación´
Mostra: `Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación´
Esta mostra forma parte do proxecto cultural SONORO EMPEÑO. Nela poderedes atopar pezas de arte fundamentais de autores como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, Castelao, José Manuel Broto, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Menchu Lamas, Luís Caruncho, Xaime Quessada, etc.
A relación entre música e artes plásticas é unha constante que leva suscitado un enorme interese ao longo da historia. A pesar de se trataren de disciplinas distantes que se moven por diferentes canles sensitivas, as conexións e puntos de encontro son evidentes non só en canto a obxectivos expresivos comúns, senón tamén no intercambio de conceptos como ritmo, movemento, cromatismo ou variación. Sobre esta premisa, establécese unha clasificación en catro seccións que abordan o tema desde diferentes perspectivas para ilustrar estas confluencias:
Iconografía musical. Unha das relacións máis evidentes entre artes plásticas e sonoras é a que atinxe á representación visual de escenas ou instrumentos musicais. As pezas expostas aquí ilustran tres temas básicos: o músico, o instrumento musical e a súa representación illada como único protagonista da obra.
Sinestesia. A utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual, presente en toda a historia da arte, acada un desenvolvemento máis significativo cos movementos de vangarda, que materializan a través da hibridación sensorial a experiencia de ver os sons e escoitar as imaxes.
Festas e danzas. A representación pictórica da danza presenta un dos terreos máis propicios para a relación entre música e pintura, pois permite introducir nunha arte espacial os conceptos de dinamismo, ritmo e sonoridade, propios dunha arte temporal.
Música na infancia. A vinculación de imaxes de nenos e nenas a escenas ou instrumentos musicais, que conta cunha longa tradición pictórica, vai moitas veces ligada ás ideas de inocencia, espontaneidade e candidez, e asociada a instrumentos de timbre doce.
+Info