Evento: Peza do mes: Pesas de tear tardorromanas

  • Portada da publicación da Peza do Mes de marzo do Museo Arqueolóxico de Ourense
Peza do mes: Pesas de tear tardorromanas
domingo, 1 marzo, 2026 a martes, 31 marzo, 2026
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense,
Ourense

Peza do mes: Pesas de tear tardorromanas

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo

A presentación pública terá lugar o mércores 11 de marzo ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

As pesas de tear tardorromanas do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé (Ourense) están datadas entre finais do século IV e comezos do V d. C. e evidencian a importancia da produción téxtil doméstica na Gallaecia tardía. Estas pezas cerámicas, pertencentes a un tear vertical, documentan unha actividade esencial na economía rural e permiten analizar o papel central das mulleres na transmisión de saberes, no sostemento da comunidade e nas estratexias de coidado durante a transición á Alta Idade Media.

Dentro da ampla área do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, con fases de ocupación que chegan ata a Alta Idade Media, as pezas a tratar neste caso pertencen a unha zona escavada no ano 2019. Este espazo, documentado como unha ampla área de produción, presenta fases dos momentos finais do Imperio Romano na Gallaecia, cunha das actividades máis significativas do asentamento: a industria doméstica téxtil, que fala da vida cotiá e das prácticas relacionadas co mantemento das comunidades rurais nun tempo de cambios profundos.

O conxunto de pesas de tear seleccionadas (Núm. inv: DX1378/278; DX1378/276; DX1378/280; DX1378/279; DX1378/277) son de cerámica e presentan forma troncopiramidal alongada.

Estas pezas formaban parte dun tear vertical, empregado para suxeitar ou tensar os fíos durante o proceso de tecido. Os pondus ou pesas de tear constitúen unha das poucas evidencias materiais que nos permiten aproximarnos ás tarefas de mantemento e produción doméstica, actividades esenciais na economía campesiña e o fogar.

A publicación virtual sobre estas pezas está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode afondar sobre o seu contexto arqueolóxico e as súas características, pero tamén sobre unha actividade esencial na economía rural e nos espazos domésticos, que permite analizar o papel central das mulleres na transmisión de saberes e no sostemento da comunidade, nun estudio a cargo, neste caso, de Celtia Rodríguez González, Andrea Mouriño Schick e Ana Delia González Jiménez.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

XVIII Xornadas da Asociación de Museólogos da Igrexa en España
XVIII Xornadas da Asociación de Museólogos da Igrexa en España
16 de marzo a 18 de marzo
Museo Catedralicio de Santiago de Compostela
Presentación do libro: Gaza un xenocidio televisado
24 de marzo
Biblioteca Pública de Ourense
CULTUREARTE
17 de marzo
Colexio Maior Arosa
BibliotecArte: "Noctámbulos / Nightwalks" de Edward Hopper
23 de marzo
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés