Evento: INTERNALITIES. Arquitecturas para un equilibrio territorial.
INTERNALITIES. Arquitecturas para un equilibrio territorial.
O CGAC, que é o primeiro museo proxectado por Álvaro Siza Vieira, abordou a arquitectura desde múltiples perspectivas no seu programa de actividades e exposicións, a miúdo a través da mirada dos e das artistas que colaboraron co centro desde a súa apertura en 1993.
É, polo tanto, un lugar propicio para acoller a primeira itinerancia de Internalities, a exposición comisariada e deseñada polos arquitectos galegos Manuel Bouzas e Roi Salgueiro para o Pavillón de España na 19.a Bienal de Arquitectura de Venecia, que tivo lugar do 10 de maio ao 23 de novembro de 2025. Esta itinerancia constitúe, ademais, a primeira ocasión na que unha exposición concibida para representar a España nesta exposición internacional de arquitectura se presenta nun espazo museístico fóra do certame.
Internalities foi o proxecto seleccionado mediante convocatoria aberta para representar a España na última edición da bienal, comisariada por Carlo Ratti e articulada baixo o lema Intelligens. Natural. Artificial. Collective. Coa súa proposta, este arquitecto e urbanista italiano quixo explorar como as distintas formas de intelixencia —natural, artificial e colectiva— poden adaptarse para combater a crise climática e contribuír así a construír un mundo máis sostible.
A exposición no CGAC articúlase arredor dunha sala introdutoria, Balance, que reúne dezaseis proxectos a través dos cales se evidencia a diversidade de enfoques que actualmente se están desenvolvendo en España para conciliar ecoloxía e economía. A partir de aí, despréganse cinco eixes temáticos —materiais, enerxía, oficios, residuos e emisións—, que amosan os resultados das investigacións realizadas por varios equipos de arquitectos e fotógrafos locais, cada un deles centrado nun territorio e nun recurso concreto da xeografía española, co obxectivo de analizar a descarbonización da arquitectura no país.
A montaxe emprega, como elementos construtivos, os materiais protagonistas das distintas seccións, outorgándolle un protagonismo especial á madeira procedente dos montes veciñais en man común de Galicia.
Promovida polo Goberno de España, a través da Secretaría Xeral de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU), e desenvolvida en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Internalities contou, ademais, co patrocinio oficial de FINSA.



