Evento: Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II
Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II
Unha exposición que convida a descubrir o valor simbólico, artístico e social da máscara a través de pezas procedentes de máis de 40 países reunidas polo coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, combinadas con máscaras galegas, algunhas pertencentes ao Museo do Pobo Galego.
A exposición componse dunha coidada selección de 54 máscaras procedentes de Romanía, Italia, Portugal e España, todas elas pertencentes á colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, que leva máis de corenta anos reunindo pezas desta arte ancestral por distintos países. A mostra complétase cunha ducia de máscaras dos fondos do Museo do Pobo Galego, froito do seu labor de recompilación, estudo, catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial vencellado ao Entroido galego.
En total, preséntanse 66 pezas que percorren os usos, tempos e significados da máscara, dando conta da universalidade desta manifestación cultural. Así, poderán verse pezas do carnaval popular, ligadas ás festas de inverno e ao Entroido; máscaras empregadas en celebracións relixiosas, como o Nadal, a Semana Santa ou o Corpus Christi; exemplos do carnaval cortesán barroco e da Commedia dell'Arte, asociadas ao teatro e ás representacións escénicas da Europa moderna; máscaras funerarias, vinculadas aos rituais de despedida, á memoria e ao ciclo da vida e da morte; así como máscaras contemporáneas e de uso artístico, que amosan como estas tradicións continúan vivas e en permanente reinterpretación.
A mostra estará aberta ata abril de 2026 e forma parte dun proxecto de investigación e divulgación da Universidade de Valladolid a través da Cátedra de Estudos sobre a Tradición, inscrita no proxecto europeo Unveiling the Arts and Works behind the Masks, promovido pola European Education and Culture Executive Agency.



