Evento: COMPOSTELA VS TESTIMONIUM. 100 QUILÓMETROS DE PEREGRINACIÓN
COMPOSTELA VS TESTIMONIUM. 100 QUILÓMETROS DE PEREGRINACIÓN
Da man de Compostela Ilustrada, o Museo das Peregrinacións presenta a mostra «Compostela vs Testimonium. 100 quilómetros de peregrinación». Nesta exposición preséntanse as ilustracións de Pablo Rosendo e Barnaba Salvador durante os 100 quilómetros finais das súas peregrinacións.
Pablo Rosendo realizou parte do Camiño de Santiago no ano 2021 para a publicación «A aventura Xacobea de Simón Martel». Naquela ocasión só se desprazou para debuxar uns enclaves concretos que complementaban o cómic do autor Fausto Isorna. A semente do camiño quedou prantada nel e o desexo de facelo como un peregrino máis materializaouse en setembro de 2025. Pablo volveu ao camiño para partir de cero coa súa mochila chea de cores, e vivir a experiencia do camiño durante 100 quilómetros dende Sarria a Santiago, o que lle permitiu obter a Compostela.
Barnaba Salvador comezou un caderno da Vía Francígena no seu paso pola Toscana. Na súa cabeza quedou a idea de que tiña que volver ao camiño, seguir debuxando ese roteiro, e chegar a Roma, pero a vida laboral levábao sempre cara a outros lugares máis afastados e exóticos, e nunca tiña tempo para o máis próximo. No mes de xuño de 2025, Barnaba recuperara ese caderno para camiñar durante unha semana os últimos 100 quilómetros da Vía Francígena, seis etapas de Viterbo a Roma que lle permitiron obter o Testimonium.
Pablo Rosende
Ilustrador galego cunha dilatada carreira, é autor de todo tipo de obras para libros de texto, publicacións
infantís, empresas e institucións, máis a súa paixón é o debuxo urbano. No seu tempo libre percorre Galicia cun caderno nas mans, para plasmar calquera recuncho que chame a súa atención, utilizando a técnica da acuarela, a súa favorita pola frescura e dinamismo que achega aos seus debuxos. Poder parar o tempo nunha imaxe é a definición do seu traballo cando se converte en cuadernista de rúa, así o demostra na súa obra máis aclamada, Sendas de Ons, que retrata a vida dunha das illas máis importantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas
Barnaba Salvador
Ilustrador orixinario de Venecia, namorouse da cor durante a súa infancia en África, a onde se trasladou cos seus pais, profesionais do sector turístico. A súa maneira de pintar con acuarela está moi influenciada polo seu hábito de debuxar ao aire libre, con cadernos de bosquexos feitos sempre do natural. Traballa sobre papel seco e con pouca auga, buscando unha pincelada rápida e clara. Encántalle explorar fortes contrastes e xogos de luz, onde as sombras posúen unha presencia moi destacada.
Máis información
Acceso libre e gratuíto ás salas no horario de apertura do Museo.
Toda a información adicional en Compostela Ilustrada.



