Evento: Mañás poéticas
Mañás poéticas
Primeira sesión das Mañás poéticas, actividade coordinada por Carlos Arias - voluntario do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia - para achegar a poesía ás persoas interesadas.
Nestas sesións, que terán lugar os últimos mércores do mes, farase unha lectura libre de textos dunha poeta e un diálogo aberto sobre as impresións da lectura.
Clementina Arderiu i Voltas (Barcelona, 1889 - 1976) foi unha poeta en lingua catalá.
Ten influencia da poesía catalá do seu tempo e da popular. Nótase a presenza do seu home, Carles Riba, entre outros cos que intercambia ideas literarias.
Entre os seus libros podemos destacar Cançons i elegies (Cancións e elexías, 1916), Sempre i ara (Sempre e agora, 1946), És a dir (É dicir, 1959) e L'esperança encara (A esperanza aínda, 1969).
Ten unha poesía moi elaborada, con temas como a fe, o amor, a alegría, a condición feminina ou a morte, entre outros. Considérase que tende a idealizar a vida cotiá. Creou poemas populares de carácter relixioso, como xa fixeran outras grandes figuras da literatura catalá.
Formou parte do círculo de mulleres intelectuais e artistas da pintora rusa Olga Sacharoff en Cataluña.
Traxectoria
Aprendeu o oficio familiar de prateira ao tempo que estudaba idiomas, música e piano. Moi afeccionada á lectura, leu desde clásicos até obras en catalán, español, francés, inglés e italiano.
Arderiu publicou o seu primeiro poema en 1911 e en 1912 gañou a Flor Natural nos Xogos Florais da Agrupació Excursionista Déu i Pátria. Aí coñeceu Carles Riba, quen xunto con outros poetas, comezou a frecuentar a tenda de Arderiu da rúa Avinyó, en Barcelona. A relación con Riba impulsou de xeito definitivo a dedicación de Arderiu á literatura, e, desde 1913, aparece en antoloxías de poesía catalá.
Durante a guerra, por lealdade aos seus ideais e á xente da Escola de Bibliotecàries (que dependía de Riba), a parella non quixo marchar de Barcelona. Catro días antes de que os sublevados ocupasen a cidade, Arderiu e Riba partiron cara ao exilio. Tras catro anos en Francia, decidiron vivir no exilio interior e tornaron a Cataluña en 1943. Dende entón, o seu piso da rúa da República Arxentina converteuse nun dos lugares onde se reunía a resistencia cultural ao réxime.
Nove anos despois, Arderiu publicou Poesies completes (1952). En 1955 a parella viaxou á Alemaña Occidental e a Gran Bretaña. Participou con Riba no congreso poético de Compostela (1954), e tamén nas Conversaciones Poéticas de Formentor en 1959. Ese ano finou Riba e Clementina retirouse de toda actividade pública.
O seu último poemario, L'esperança encara, apareceu en 1969, e en 1973 a edición de Obra poètica.