Evento: De arriba para abaixo e de dentro para fóra
De arriba para abaixo e de dentro para fóra
O vindeiro xoves 25 de setembro ás 19:00h horas a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición De arriba para abaixo e de dentro para fóra do artista Iago Fernández Díaz, un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro do vindeiro ano.
Iago Fernández formouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e conta cun mestrado en Creación e Investigación de Arte Contemporánea. Esta mostra supón un percorrido polas pezas máis representativas da súa produción, amosando diferentes disciplinas como instalacións, obxectos intervidos, téxtil, colaxe ou fotografía, entre outras.
O seu proxecto artella diferentes dispositivos partindo da pegada que deixamos como seres humanos a través de diversos elementos alleos que establecen un relato sobre a memoria, un pretexto para sublimar cuestións xeracionais dende a autorepresentación.