Evento: Os campos de Machado
Os campos de Machado
O Día Mundial da Poesía é unha efeméride que se vén celebrando desde 1999, cando a Conferencia Xeral da UNESCO fixou o 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera, como o día elixido para conmemorar a arte poética e promover a lectura e escritura da poesía en tódalas súas manifestacións.
Dende a biblioteca Ánxel Casal queremos aproveitar esta oportunidade para render unha homenaxe ao poeta Antonio Machado (1875-1939), do que neste ano 2025 cúmprese o 150 aniversario do seu natalicio.
O ilustre poeta sevillano foi un dos primeiros representantes da famosa Xeración do 98; introduciu en España o modernismo (eido tamén cultivado polo seu irmán Manuel, do cal tamén expoñemos algunha obra coescrita con Antonio). Máis tarde, desenvolveu unha poesía de corte intimista e simbólica, inmortalizada na súa obra máis coñecida, Campos de Castilla.
A pegada de Antonio Machado na literatura e na cultura españolas e universais do século XX é inabarcable. Pintores como Picasso e Miró, poetas como Jorge Guillén e García Lorca, e cantautores como Joan Manuel Serrat, homenaxearon ao xenio.
Que mellor ocasión que recibir a chegada da primavera e o Día Mundial da Poesía con estes versos que Machado escribiu nun dos seus poemas máis coñecidos:
Mi corazón espera también, hacia la luz y hacia la vida, otro milagro de la primavera.
No 2º andar do 21 de marzo ao 19 de abril. Pode visitarse no horario de apertura da biblioteca.