Evento: Peza do mes: Lucerna. Campamento Aquae Querquennae

  • Portada da publicación da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense. Fot
Peza do mes: Lucerna. Campamento Aquae Querquennae
domingo, 1 setembro, 2024 a luns, 30 setembro, 2024
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense,
Ourense

Peza do mes: Lucerna. Campamento Aquae Querquennae

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A presentación pública terá lugar o 11 de setembro ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Son moitas as pezas que foron recuperadas no contexto arqueolóxico do campamento militar de Aquae Querquennae -Porto Quintela (Bande, Ourense)-. Neste caso, trátase dunha lucerna coas seguintes características: materia e técnica: cerámica moldeada e cocida; datación: 74/75 d. C.–ca. 120 d. C.; dimensións: 5 cm (lonxitude) x 4 cm (diámetro máximo) x 0,7 cm (grosor) x 1,6 cm (altura), Pertence aos fondos do Museo co nº de inventario CE005841/41.

Aínda que en case todas as coleccións dos museos a presenza das lucernas está garantida, moitas delas non ofrecen datacións nin contextos fiables. Non é o caso desta peza, aparecida nun xacemento no cal, dende 1975 e ata hoxe, se realizaron escavacións científicas.

A pesar das múltiples tipoloxías existentes á hora de identificar as lucernas, esta peza encaixa nas denominadas lucernas de canle, unha tipoloxía moi habitual en todo o territorio dominado por Roma, tanto en asentamentos civís como militares, neste último caso, moi distantes entre si.

A lucerna é un utensilio de iluminación no mundo romano, xunto cos fachóns e as candeas, e habituais pola abundancia de arxila e a facilidade da súa manipulación. Constitúen un elemento ideal para reflectir as manifestacións da vida económica e social romana.

É destacable que a marca do artesán aparece na base da lucerna impresa en relevo.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas, unha descrición pormenorizada, a reflexión sobre as súas funcionalidades, a autoría ou o contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Tomás Vega Avelaira.

O autor da fotografía é Fernando del Río Martínez.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Toponimízate 2025
28 de xullo
Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira
Toponimízate 2025
12 de setembro
Museo do Mar
Toponimízate 2025
19 de setembro
Auditorio Municipal
Toponimízate 2025
26 de setembro
Casa do Concello