Evento: Comité de Ética Asistencial e dereitos dos/as pacientes
Comité de Ética Asistencial e dereitos dos/as pacientes
A fundación dos comités de ética asistencial remóntase a mediados do S. XX. Comezaron a crearse nos Estados Unidos e a súa función era e segue sendo a de mediar para resolver conflitos que xorden da prestación de asistencia sanitaria.
Cuestións como os avances científicos e técnicos das últimas décadas, que supoñen dilemas sobre a prolongación da vida ou as manipulacións xenéticas; cambios no estilo de vida que incrementan os desprazamentos a nivel mundial, o que pode implicar choques culturais e/ou relixiosos que poden afectar á aceptación de tratamento médico, son exemplos de situacións que complican ás veces a toma de decisións.
Ademais, tamén están mudando as relacións asistenciais no sentido de que os cidadáns somos tidos en conta en maior medida, pois queremos ser informados e preguntados. Cando se trate da nosa saúde, da nosa vida, careceremos de criterio médico, pero temos dereito a coñecer e a opinar. Isto, que parece tan obvio, non é algo que veña de moito tempo atrás, pois os pacientes eramos vistos como a parte pasiva, simples receptores de atención, sen voz nin voto.
A día de hoxe, contamos con comités de ética asistencial en cada área sanitaria e podemos recorrer a eles cando entendamos que non se respectaron os nosos dereitos ou a nosa autonomía como usuarios da sanidade pública. Xa que logo, resulta evidente a súa utilidade e importancia e, aínda así, son os grandes descoñecidos para o público. Nese sentido, o principal obxectivo desta charla será presentalos, que entendamos as súas funcións, composición e competencias, así como a maneira en que podemos recorrer a eles e para que.
Irene Martínez Montero é psicóloga especialista en psicoloxía clínica da área sanitaria de Santiago-A Barbanza e da Unidade de Prevención do Suicidio. Actualmente ostenta o cargo de Presidenta do Comité de Ética Asistencial da área sanitaria e é vogal do Consello de Bioética de Galiza.
No salón de actos. Dirixido a público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.