Evento: Olga Gallego no seu centenario (1923-2023)
Olga Gallego no seu centenario (1923-2023)
A primeira muller na Real Academia Galega
A totalidade das pezas que compoñen a mostra pertencen ao arquivo e á biblioteca da propia Olga Gallego, que foran doados pola súa irmá Pilar ao Arquivo de Galicia no ano 2012. Grazas a ese material afóndase na figura dunha muller que foi fundamental na arquivística española e iberoamericana no último cuarto do século XX. O seu Manual de archivos familiares continúa sendo hoxe en día unha referencia.
Faise fincapé na súa condición de primeira muller en ingresar na Real Academia Galega. Así, está exposta a publicación As barcas e barcos de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime, que foi o tema do seu discurso de ingreso o 15 de novembro de 1986.
Tamén se pode observar unha curiosa carta de Antonio Meijide Pardo, tamén académico nese momento (1991), pedíndolle a Olga Gallego que delegue o seu voto no caso de non poder asistir á reunión do pleno da institución. Será a encargada, ademais, de redactar o opúsculo que a Real Academia dedicou a Xesús Ferro Couselo na celebración do Día das Letras Galegas de 1996.
Ademais de bibliotecaria e arquiveira (aprobou a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos en 1958) a mostra afonda na súa faceta de historiadora. Abarcou temas moi variados como a historia económica, social, administrativa e cultural de Galicia. Destaca a dedicación a aquelas cuestións relacionadas con Ourense e a monografía titulada Historia da muller: mulleres ourensás dos séculos XIV-XVIII (2008). Exhíbese tamén, entre outras pezas, un bosquexo coa localización das fortalezas da provincia de Ourense ao que acompañan diversas fotografías de traballo de campo