A sexta edición de Cultura no Camiño desenvolverase do 16 de abril ao 30 de setembro nun total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.
O programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela desprega unha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas. Artículase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.
Os preparativos do barco antes de botarse ao mar, a presentación e designación de Xosé Lois como capitán, o recibimento do público-tripulantes do Arroás e a chegada da mestra María Victoria suceden na cuberta do barco-escola o Arroás.
Deimi é un mago do Ribeiro que leva anos movendo os seus espectáculos por todo Galicia actuando tanto para público infantil como adulto. Un mago total que ademais de tocar a parte máis divulgativa da profesión, ten unha gran técnica e un interesante repertorio de números: escapismo, a cartomaxia, aparicións, transformacións, aparicións de coello, maxia con lume, levitacións, mentalismo ....
Maxia moi variada e divertida para o programa Cultura no Camiño.
Nani García volve á primeira liña da escena musical contemporánea recuperando o seu emblemático trío de jazz, un proxecto co que xa nos ano 80 conseguiu renovar o panorama jazzístico galego. Con novos músicos e repertorio, pero mantendo a formación de piano, contrabaixo e batería, Nani García Trío vai máis alá dos estándares e da creatividade esporádica propios do jazz convencional para apostar por unha estética integral e contemporánea, que afonde tanto no son das pezas como na execución instrumental.
Dunha maneira sinxela, orixinal, dinámica e amena faremos unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós. A nosa narración irá acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materias cos que se fabricaban as teas; e tamén, o máis importante, manipularemos estas pezas de roupa, e catro asistentes, dous voluntarios e dúas voluntarias, acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós.
Un espectáculo infantil ideal para gozar en familia.
A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro ... pero nun descoido o pirata Ollo Virollo róuballe o barco e faise ao mar. Tras 45 minutos de acontecementos. Cumprirá Marina o seu soño de dar a volta ao planeta?
Pegadas de Castelao é un espectáculo dirixido a todos os públicos (a partir de 6 anosI que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural etc. dunha forma amena e divertida.
Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: cantar de cego, monicreques, teatro de actor etc., todo acompañado por música en directo e cantigas tradicionais vinculadas á súa vida e obra.
María e os ollos alabarados é un espectáculo para todos os públicos a partir da obra de María Victoria Moreno.
A través de diversos fragmentos e relatos da súa obra (Mar adiante, Pan con chocolate, Querida avoa, Leonardo e os fontaneiros ou Eu conto, ti cantas), tentaremos percorrer o universo da autora, poñendo de manifesto os temas máis relevantes dos seus escritos; como a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respecto á natureza ou o amor polos animais.
Merenda con pan de millo é un espectáculo de pequeno formato baseado no libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor.