Nova: Trinta anos do Premio Nobel Galego

10/12/2019

Trinta anos do Premio Nobel Galego

Román Rodríguez salienta a figura de Camilo José Cela como “pedra angular das letras e a literatura universal”

O conselleiro de Cultura e Turismo participou na celebración do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel de literatura ao escritor de Iria Flavia

A Xunta organiza unha ampla programación co gallo desta efeméride que incluíu o III Encontro de Escritores en Iria Flavia

 

Padrón (A Coruña), 10 de decembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a figura de Camilo José Cela como “pedra angular das letras e a literatura universal” no acto de celebración do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel de literatura ao escritor de Iria Flavia. Durante a súa intervención neste acto institucional –no que participaron, entre outros, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo– destacou ademais que a calidade da súa obra e os recoñecementos acadados ao longo da súa vida o sitúan como unha “figura clave” da evolución cultural española.

Segundo o titular de Cultura e Turismo da Xunta, este aniversario supón “unha oportunidade” para poñer en valor o legado de Cela, achegando o seu legado á cidadanía pero tamén a súa figura, que cualificou como a de “un galego universal” e un “namorado da nosa terra”. Neste eido, lembrou que moitas das súas publicacións, como Madera de boj ou Mazurca para dos muertos están ambientadas na Comunidade.

A celebración deste 30 aniversario enmárcase na ampla programación organizada pola Xunta de Galicia ao longo do último trimestre deste ano para conmemorar esta efeméride a través da Fundación Pública que custodia o seu legado en Iria Flavia. O programa de actividades deseñado para conmemorar esta data incluíu o III Encontro de Escritores en Iria Flavia, unha iniciativa na que participaron grandes figuras do panorama literario español como Care Santos, Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Ángela Vallvey, Óscar Esquivias ou Blanca Riestra.

Ademais, este mesmo mes, o día 17, celebrarase unha xornada, en colaboración coa Universidade Camilo José Cela, de conmemoración dos 50 anos da publicación dunha das novelas que os expertos están a incluír entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936, e que contará coa presenza de Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán, catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.

Actividades centradas nos máis pequenos

O conxunto das actividades organizadas estiveron centradas nos máis pequenos, na actividade literaria e na lembranza do que supuxo e aínda supón que un galego recibira tan magno galardón. Neste sentido, a Fundación Camilo José Cela realizou durante este tempo unha ampla programación educativa que incluíu visitas dinamizadas, rutas literarias, valixas didácticas e obradoiros educativos ao Museo Camilo José Cela.

Neste museo os escolares e visitantes puideron apreciar, na sala específica do premio Nobel, unha das últimas doazóns realizadas á institución por unha das familias senlleiras de Padrón –un retrato de Cela realizado polo pintor Manuel Beiró– ademais de múltiples anécdotas dese fito: desde a carta oficial da súa concesión, a resposta de Cela á Academia Sueca, parte da vaixela que se empregou na cena de gala ou a propia medalla e diploma que reciben os galardoados.

 

Comparte