Nova: Valentín García participa na presentación de ‘Homenaxe a Evaristo de Sela (1917-1994)’

18/11/2019

Valentín García participa na presentación de ‘Homenaxe a Evaristo de Sela (1917-1994)’

O secretario xeral de Política Lingüística lembrou que o autor, que se ocupou das primeiras traducións ao galego da Ilíada e a Odisea, “puxo todo o seu saber filolóxico e habelencia artística ao servizo da causa da lingua galega”

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de presentación da obra Homenaxe a Evaristo de Sela (1917-1994). Estudos e lembranzas sobre a vida e obra do helenista e poeta, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque. Unha obra que dá ao prelo Edicións Xerais de Galicia co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a coordinación de Stella Maris González Balbuena (filla do autor) e Xosé Abilleira Sanmartín.

García Gómez destacou na súa intervención “a importancia do relevante helenista e latinista que se ocupou da tradución ao galego de textos literarios en lingua grega, tanto clásica coma moderna, e latina, faceta na que acometeu con enorme éxito o proxecto colosal de verter por primeira vez á lingua galega dous grandiosos monumentos da literatura universal como son a Ilíada e mais a Odisea”.

“Tarefas, ambas as dúas, que afrontou co ánimo de contribuír ao enriquecemento do galego como sistema lingüístico e como ferramenta literaria a partir do rico catálogo de atributos lingüísticos e literarios procedentes da tradición helénica e máis concretamente da xenialidade de Homero”, abondou. Xa que “non debe esquecerse que a maior parte das linguas europeas contemporáneas recorreron no pasado aos modelos traducidos de obras como a Biblia ou as grecolatinas para fixaren os seus estándares”. “Evaristo de Sela sabíao ben, ao igual que coñecía as carencias do galego, e puxo todo o seu saber de filólogo e a súa habelencia artística ao servizo desta causa”, concluíu.

Participaron canda el na presentación o director editorial de Xerais, Fran Alonso; a coordinadora da obra; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o profesor e académico da lingua Xesús Alonso Montero.

Comparte