Nova: O Museo de Belas Artes amosa a investigación sobre unha obra de Collantes na exposición ‘Pinceladas ocultas’

11/10/2019
O Museo de Belas Artes amosa a investigación sobre unha obra de Collantes na exposición ‘Pinceladas ocultas’
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou na Coruña esta novidosa mostra, que se inaugurará hoxe
Tamén poderanse contemplar obras cedidas polo Museo Nacional do Prado, a Biblioteca Nacional de España e a Real Academia Galega de Belas Artes
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a exposición Pinceladas ocultas, o resultado dun proceso de investigación realizado no Museo de Belas Artes da Coruña sobre a obra Arrepentimento de San Pedro, de Francisco Collantes, doada ao museo en 1951 polo escritor ferrolán Ramón Goy de Silva.
O proxecto xorde da colaboración entre o Museo de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela para o estudo e restauración da obra, o que deu lugar ao descubrimento de dunha imaxe oculta cunha iconografía diferente á que percibimos a primeira ollada e que dá orixe á exposición.
Anxo M. Lorenzo destacou que se trata dunha mostra nova en canto aos contidos: por unha banda explícase o proceso de restauración ao que se someteu o cadro no laboratorio do Museo, e por outra, o significado desa iconografía, tanto da visible como da oculta a través de obras artísticas relacionadas coa súa temática e contexto histórico.
A exposición acompáñase de obras cedidas polo Museo Nacional do Prado, a Biblioteca Nacional de España e a Real Academia Galega de Belas Artes, unha serie de óleos e gravados que polo seu interese iconográfico ilustran os conceptos culturais e relixiosos da época do pintor e preséntanse como puntos de reflexión para ofrecer a interpretación da figura oculta do lenzo. Tamén se poderá contemplar un exemplar da Biblia Políglota Complutense pertencente á colección do Museo.
Catálogo e visitas
A mostra, de carácter temporal, sitúase nunha sala da exposición permanente do Museo e inclúe unha proxección na que se aprecia o estado de conservación do cadro e o estudo e análise efectuados que permitiron determinar os criterios de intervención no proceso restaurador.
A exposición, que se abrirá ao público ás 19,00 h., terá dispoñible en vindeiras datas un catálogo para os visitantes e contará cun programa de visitas guiadas para grupos de escolares e adultos. Permanecerá aberta ata o 15 de decembro en horario de 10,00 h. a 20,00 h. de martes a venres, os sábados de 12,00 h. a 14,00 h. e de 16,30 h. a 20 h. e os domingos de 10,00 h. a 14,00 h.