Nova: Antía Veres recibe en Corcubión o XVIII Premio Plácido Castro de Tradución

27/09/2019

Antía Veres recibe en Corcubión o XVIII Premio Plácido Castro de Tradución

A tradutora guitiricense faise co galardón, que convoca a Fundación Plácido Castro, por ‘Unha muller perdida’, tradución ao galego de ‘A Lost Lady’ de Willa Cather

A entrega contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

 

Corcubión (A Coruña), 27 de setembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao serán no acto de entrega do XVIII Premio Plácido Castro de Tradución, celebrado na vila natal do ilustre escritor, xornalista, tradutor e político corcubionés. Recibiuno a tradutora guitiricense Antía Veres Gesto, por Unha muller perdida, tradución ao galego da orixinal A Lost Lady de Willa Cather que, en palabras do xurado amosa “un galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera natural da novela”.

García destacou durante a súa intervención o papel das tradutoras e do seu labor na incorporación á literatura e á lingua galegas de autoras e obras, tanto novas coma xa coñecidas e recoñecidas noutros lugares, “como Cather, ata o de agora inédita no sistema literario galego” para “actualizar, proxectar e situar a nosa fala e cultura en diálogo permanente co mundo”, concluíu.

No acto participaron tamén Xulio Ríos e Susi Castro, en representación da Fundación Plácido Castro; o alcalde, Manuel Ínsua; e a galardoada, Antía Veres.

Plácido Castro



O xornalista, escritor e tradutor galego Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902- Cambados, 1967) foi figura destacada do galeguismo de preguerra e activo divulgador da cultura galega na diáspora durante a súa estadía no Reino Unido, tras ser inhabilitado polo réxime franquista xurdido da contenda civil.

Como para os compañeiros cos que compartiu angueiras nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista, a lingua tiña para el un papel fundamental por ser símbolo esencial da identidade galega. Á vontade de uso e valoración do idioma propio de Galicia mostrada por Plácido Castro uniuse o seu fondo coñecemento da lingua e da cultura inglesas, que -tal e como recolle o estudo introdutorio de Laura Linares- se expresarán, “non só no seu traballo político, xornalístico e intelectual, senón tamén, e moi especialmente, na tradución de moitos dos poetas británicos e irlandeses máis canónicos do momento”.

Comparte