Nova: Un Brueghel o Novo e un Luqueto para 'Galicia, un relato no mundo'

22/08/2019

Un Brueghel o Novo e un Luqueto para 'Galicia, un relato no mundo'

A Xunta acorda co Museo do Prado o préstamo dun cadro de Brueghel o Novo e un Luqueto para 'Galicia, un relato no mundo'

Enmarcaranse nunha recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos que incluirá tamén unha reprodución do coñecido ‘Retablo de Monforte’ de Hugo van der Goes

A mostra amosa os contactos internacionais de grandes figuras da nobreza galega do XVI e XVII cun importante peso político e intelectual na Europa da época

‘Galicia, un relato no mundo’, comisariada por Manuel Gago, reunirá 300 pezas de gran valor simbólico para a cultura e a identidade galega ao longo da historia

Será a primeira das grandes exposicións do Goberno galego no marco do Xacobeo 21 e poderá visitarse de balde no Museo Centro Gaiás a partir do 8 de novembro

 

 

 

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, vén de pechar un acordo co Museo do Prado para exhibir dúas das súas obras: El Paraíso Terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, e La muerte de Lucrecia, atribuído a Luca Cambiaso, Luqueto. Ambos cadros formarán parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición Galicia, un relato no mundo, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII, de destacado peso político e intelectual na Europa do seu tempo. Será a primeira de tres grandes exposicións promovidas polo Goberno galego de cara ao Xacobeo 21 e nela poderanse contemplar, a partir de novembro no Gaiás, obras cun elevado valor simbólico para a nosa cultura e identidade, algunhas delas por vez primeira na Comunidade.

Centrada nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo, a mostra dedicará un dos seus bloques a afondar en figuras da nobreza galega que destacaron en eidos como o exército, o mecenado cultural e relixioso e o exercicio da diplomacia. Unha delas foi Pedro Fernández de Castro, coñecido como o Gran Conde de Lemos, un dos persoeiros políticos máis relevantes do reinado de Felipe III, presidente dos consellos de Indias e Italia e vicerrei en Nápoles, ademais de Alguacil Maior do Reino de Galicia.

Unha das coleccións de arte máis notables do seu tempo –hoxe desaparecida– foi precisamente a dos Condes de Lemos, que incluía obras de varios mestres da arte europea. A recreación desta pinacoteca en Galicia, un relato no mundo incluirá, ademais dos dous cadros do Prado, tres obras emprestadas polo Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte: El juicio final de Giovani Bernardino Azzolino, Santa Catalina de Alejandría de Andrea del Sarto e unha reprodución do coñecido Retablo de Monforte –unha Adoración dos Reis pintada por Hugo van der Goes que está actualmente na Gemäldegalerie de Berlín–.

Cartas entre Erasmo de Róterdam e Alonso III de Fonseca

En estreito diálogo cos Condes de Lemos, outra das biografías destacadas que recupera Galicia, un relato no mundo é a de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, figura fundamental para entender a diplomacia europea de comezos do XVII. Actualmente estase a tramitar o préstamo de diferentes pezas relativas á figura deste home feito a si mesmo, de vasta cultura, que venceu en varias ocasións a Francis Drake e foi un destacado embaixador na corte de Inglaterra. Gondomar mantivo unha estreita relación co rei inglés Xacobe I, amizade moi criticada polos ingleses da época que acusaban a Gondomar de dominar a vontade real a favor dos intereses españois. Alcumado en Inglaterra o Maquiavelo español, foi obxecto de numerosas críticas políticas, en folletos que se imprimían nos Países Baixos e entraban clandestinamente no país británico e comunicábase co rei a través de mensaxes codificadas de acordo con claves que cambiaban continuamente.

Completan este bloque da exposición obras como as cartas entre Erasmo de Róterdam e Alonso III de Fonseca. O que fora no século XV arcebispo de Compostela e Toledo é unha das figuras destacadas do humanismo e do Renacemento e favoreceu a difusión da obra de Erasmo en España, ademais de situar a igrexa española e galega nas correntes culturais da época.

Galicia en 300 pezas

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo reunirá na Cidade da Cultura ao redor de 300 pezas senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. Algunhas destas obras serán prestadas por entidades da categoría do Trinity College de Dublín, a Biblioteca Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, entre outras 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América como por suposto do resto de España e de Galicia.

Así, na mostra poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Itinerario de Exeria –o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana, a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, o Cancioneiro da Vaticana ou dous códices calixtinos –procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

Galicia, un relato no mundo, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se inaugurará o vindeiro 8 de novembro no Museo Centro Gaiás, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega –a través de asesoramento especializado e o préstamo de diversos fondos vinculados á diáspora e á emigración galegas– e da Secretaría Xeral da Emigración.

Comparte