Nova: As canteiras de Moaña, protagonistas dunha andaina do programa 'Monumenta andar con arte'

04/08/2019

As canteiras de Moaña, protagonistas dunha andaina do programa 'Monumenta andar con arte'

Os asistentes, entre os que se atopaba Anxo Lorenzo, percorreron un tramo do litoral e coñeceron datos da historia da pedra desta localidade, ademais de gozar da actuación de Tanxedoras e da degustación de queixos da cooperativa A MeixoEira

  • monumenta-2019 monumenta-2019

Moaña (Pontevedra), 4 de agosto de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na andaina polas canteiras de Moaña no marco do programa Monumenta andar con arte da Consellería de Cultura e Turismo que se desenvolve en formato de itinerarios culturais a través de tres eixos: os Camiños de Santiago, a emigración e o ámbito mariño.

Os asistentes percorreron un tramo do litoral onde a paisaxe rural e industrial configuran un modelo urbanístico, tanto na personalidade do lugar como doutras partes da ría de Vigo. Estiveron acompañados pola arquitecta Iria Sobrino, polo catedrático de institucións económicas da USC, Xoán Carmona, e pola investigadora e autora de As canteiras do litoral de Moaña, Tamara Táboa, que ofreceron información sobre as pedras de Moaña coas que se construíron moitos dos peiraos contemporáneos e, ademais, abordaron o desenvolvemento dos estaleiros de Galicia. Ademais, puideron gozar da música da agrupación Tanxedoras e dos queixos da cooperativa A MeixoEira.

Ata o 31 de agosto, o ciclo propón outras seis andainas en Sober, Oia, Cervo, Padrón, Castro Caldelas e Parada de Sil. Algunhas delas contan con actividades complementarias como Monumenta Escoita e Monumenta Degusta (como a de hoxe en Moaña) ambas vinculadas con artistas e produtos locais. Deste xeito, a ruta da música no Camiño de Santiago e música para camiñar ofertará unha actuación da agrupación O Trícole e poderase degustar a rosca de Sober; a andaina do mosteiro de Oia e a historia do clima no Camiño Portugués da Costa contará coa participación do coro Encaixe, Apatacón e Faia Díaz de De Vacas, e ofrecerase información sobre o percebe.

No que respecta á visita a Sargadelos en Cervo, poderán escoitarse as composicións de Belém Tajes e Maritxinha e os asistentes poderán descubrir o ourizo; na ruta de Padrón, a sociedade agrícola A Pementeira achegará aos participantes ao pemento de Herbón; en Castro Caldelas falarase do orixe da bica e na ruta de Santa Cristina de Ribas de Sil os asistentes escoitarán ao dúo formado polo clarinetista Fernando Abre e o guitarrista Pablo Carrera, mentres se ofrece información sobre a festa da Pisa da Castaña.

Máis información sobre o ciclo e inscricións nas andainas, na web http://monumentagalicia.com/.

Comparte