Nova: Unha exposición fotográfica en Lorient avala o carácter multicultural do Camiño ao recibir peregrinos duns 180 países

03/08/2019

Unha exposición fotográfica en Lorient avala o carácter multicultural do Camiño ao recibir peregrinos duns 180 países

A mostra ‘O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación’ forma parte da programación do Festival Intercéltico de Lorient, que esta noite acolle o espectáculo central de Galicia, con nove artistas e bandas galegos

  • Inauguración exposición Lorient Inauguración exposición Lorient

Lorient (Francia), 3 de agosto de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou o carácter multicultural do Camiño de Santiago ao recibir peregrinos de preto de 180 países durante a inauguración en Lorient da mostra fotográfica O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación. Trátase dunha das actividades incluídas no marco da 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, que este ano celebra o Année de la Galice (Ano de Galicia).

A mostra está formada por preto dunha vintena de imaxes elaboradas polo fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel que recollen algúns dos valores da peregrinación a Santiago, como son a presenza da natureza, o patrimonio artístico, as cidades e os paisaxes das rutas xacobeas, pero tamén a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas.

O titular de Cultura e Turismo subliñou que a exposición recolle “boa parte dos elementos que fan do Camiño unha experiencia inolvidable”. Neste sentido, lembrou que o 98% dos peregrinos que percorren a Ruta Xacobea cren que se trata dunha experiencia que recomendarían a un terceiro.

Segundo puntualizou Román Rodríguez, tanto a exposición fotográfica como a presenza de Galicia en Lorient son accións que contribuirán a difundir a identidade e a cultura de Galicia coa ollada posta no próximo Xacobeo 21, un evento que constituirá un dos maiores acontecementos culturais dos próximos anos en toda Europa. “Será un reto de enorme magnitude para o que precisamos a colaboración de todos”, puntualizou.

Esta noite o teatro de Lorient acollerá o espectáculo central de Galicia que contará coas actuacións da banda de música de Silleda, da banda de gaitas de Forcarei e dos artistas Josele, Begoña Lorenzo, o grupo de baile Xirandela, as Pandereteiras Bouba, Suso Vaamonde e Davide Salvado.

Concertos, gastronomía e turismo

A meirande parte das actividades que terán lugar durante a celebración do Ano de Galicia en Lorient centralizaranse no pavillón dedicado á nosa Comunidade, co que se reforzará a promoción da música e a danza galega, ao tempo que se favorece a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo aproveitando que acudirán ao festival preto de 750.000 persoas chegadas de todo o mundo. O recinto acollerá 55 concertos nos que participarán máis de 300 artistas.

Como complemento ao programa artístico, Galicia fai gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co clúster galego do sector.

A delegación galega está composta por unha ampla nómina de artistas entre os que destacan algúns dos artistas máis internacionais da música galega, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Comparte