Nova: A mostra María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes chega a Ferrol

14/07/2018

A mostra María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes chega a Ferrol

A exposición, na que participan oito ilustradoras e ilustradores galegos baixo a coordinación de David Pintor, permanecerá na cidade ata o 30 de xullo

Ferrol, 14 de xullo de 2018.- A exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, mostra central das Letras Galegas 2018, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, acaba de chegar ao centro cultural Carvalho Calero de Ferrol, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de xullo. O proxecto expositivo, coordinado polo humorista gráfico, pintor e ilustrador David Pintor, afonda no universo literario de María Victoria Moreno a través de ilustracións realizadas sobre oito obras da autora.

A mostra itinerante pasou xa por Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo e mais Vigo. Chega agora á cidade departamental, na céntrica rúa do Inferniño, na súa última viaxe antes da parada estival, para difundir entre a cidadanía o legado literario de María Victoria Moreno. A mostra consta de oito paneis con ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, que foron creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón.
 

Oito obras en imaxes

Impulsada polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, xunto co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a mostra xira arredor das obras O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. Ademais, contén tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrecen unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

A exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña aquí.

Logo do seu paso por Ferrol, a mostra fará unha parada durante o mes de agosto, para continuar o seu periplo por Galicia en setembro, cando chegará a Lousame e continuará ata finais de ano por Ordes, Sanxenxo, Vilalba, Ourense e Celanova.
 

Un faro da literatura galega infantil e xuvenil

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005) chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil (LIX)–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

Comparte